Arde Bogotá dará un concerto na Coruña o 19 de xullo

Arde Bogotá, unha das bandas máis destacadas do panorama pop rock nacional, volverá á Coruña o 19 de xullo de 2025. O concerto, que se celebrará no peirao de Batería, forma parte do ciclo Coruña Sounds, un evento que xa confirmou tamén a actuación de Leiva. As entradas estarán dispoñibles a partir do xoves 19 de decembro ás 11:00 horas na seguinte web.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que “o Goberno de Inés Rey continúa apostando por grandes referentes da música en directo, mantendo na lembranza o espectacular debut de Arde Bogotá no Festival Noroeste de 2022”.
A actuación será parte dunha serie de concertos exclusivos que a banda de Cartagena ofrecerá no 2025, sendo A Coruña a súa única parada no noroeste peninsular. Co seu novo espectáculo, plantexado como un “road trip” musical, Arde Bogotá propón unha viaxe sonora ambientada no inicio e final dun eclipse, cunha selección de cancións especialmente deseñada para transmitir esa experiencia única.
Por outra banda, xa están á venda as entradas para os concertos de Los Pecos e Antonio Orozco no Coliseum da Coruña. Los Pecos subirán ao escenario o 5 de abril como parte da súa xira ‘Dos Voces y Una Historia’, celebrando 45 anos de éxitos. Pola súa banda, Antonio Orozco visitará a cidade co seu proxecto ‘La Gira de Mi Vida’, que conmemora os seus 25 anos de carreira e inclúe as cancións do seu próximo álbum. Ambos concertos prometen ser únicos, sendo A Coruña a única parada do noroeste para estes artistas.