Aprobada na Coruña a expropiación de 120.000 m2 para a ampliación da Planta de Residuos de Nostián
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu este mércores a sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, que aprobou inicialmente o proxecto de expropiación de terreos para a ampliación da Planta de Residuos de Nostián.
En total, o proxecto recolle 91 parcelas do polígono 13 que se corresponde cunha superficie de 122.512,56 m2 entre todos os terreos. Rey explicou que se trata da primeira fase das expropiacións previstas, á que se sumará outra semellante para completar a ampliación da planta.
O prezo unitario por metro cadrado improdutivo ou matorral fixouse en 0,51 euros, 2,67 euros no caso de monte maderable e 22,36 euros no de labradío. O Concello aboará en total de 269.237,78 euros, dividido nas persoas titulares das parcelas. O investimento corre a cargo do Orzamento Municipal de 2024. “Este é un paso necesario para a licitación da renovación de Nostián, proceso que estamos ultimando e que suporá un investimento de 368 millóns de euros” sinalou a alcaldesa.
Convenio para o parque da Agra do Orzán, con case 5.000 m2 de uso público
Tamén nesta Xunta de Goberno Local, o Goberno de Inés Rey levou a cabo a aprobación da autorización para a tramitación do convenio relativa ao parque do Agra do Orzán, polo que o barrio pasará a contar cunha superficie de uso público de preto de 5.000 metros cadrados. “Trátase dun convenio que asinaremos nas vindeiras semanas e que supón unha grande oportunidade para facer unha actuación de renovación urbana nun barrio que a precisa” explicou a rexedora.
A superficie total divídese en 1.319 m2 de espazo libre privado de uso público, correspondente á zona localizada entre as dúas edificiacións que se crearán fronte á avenida Gregorio Hernández coa rúa Gil Vicente; xunto con 3.514 m2 de solo cedido ao Concello para espazo libre do Parque, na parte posterior á edificación. O novo parque do Agra do Orzán linda coas rúas Gil Vicente, José Amador López, Canceliña e Observatorio.
Con este convenio garántese a apertura visual e o acceso peonil dende a Avenida de Gregorio Hernández cara o futuro Parque do Agra, coa adscrición para uso público da parte da parcela privada comprendida entre os dous edificios. Rey sinalou que co convenio increméntase a superficie de uso público de espazo libre no barrio. Ademais, de acordo coa cesión da parcela colindante, o convenio recolle a posibilidade de construción dun futuro aparcamento soterrado no subsolo, de titularidade e uso público.
Logo dos procedementos xudiciais, o Tribunal Superior de Xustiza categorizou parte da parcela privada como solo urbano consolidado, mentres que outra parte foi catalogada como zona de espazo libre. “Coido que temos chegado a un bo acordo que conforma a primeira fase do futuro parque do Agra e que permitirá dotar dunha zona verde ao barrio que máis o precisa tras moitas décadas de agarda”, asegurou a alcaldesa. Explicou que o Concello traballa en paralelo coa AEMET para levar a cabo a apertura do parque do Observatorio, actuación recollida nos Orzamentos Municipais no marco do “Plan de humanización e investimento dos barrios da cidade”, cunha primeira fase para o derrubamento dos muros da Canceliña e da rúa Páramo.
Licenza para a construción de 40 vivendas públicas en Xuxán
Dando continuidade aos asuntos relativos á área de Urbanismo, a Xunta de Goberno Local fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 24 de maio a 6 de xuño. Con 210 expedientes notificados, dos que 34 foron licenzas urbanísticas e 127 foron obras en réxime de comunicado. Neste sentido, destaca como expediente particular a licenza concedida ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a construción dun edificio de 40 vivendas de promoción pública (VPP) en Xuxán, na parcela Z-13 do barrio.
O novo edificio estará dividido en cinco andares, nos que se repartirán as 40 vivendas e outros tantos rochos, 5 locais e un garaxe 88 prazas de aparcadoiro, divididas en dous sotos. O investimento total do proxecto é de 5,8 millóns de euros.
Reforma de Telefónica e novo supermecado no Polígono de Agrela
Tamén se aprobou a concesión da licenza que habilitará a Telefónica a reformar a CT (central telefónica) Montiño, sita na rúa Cerca nº 18, para adaptar a infraestrutura á normativa da compañía. O investimento previsto para a actuación é de case 2,5 millóns de euros.
Ademais, tamén se aprobou unha licenza para reformar as naves do número 19 da rúa Gambrinus, no Polígono de Agrela, concedida á empresa Mercartabria SLU. O obxectivo é implantar un novo supermercado que contará ademais de con áreas para oficinas, carga e descarga e reparto, cun aparcadoiro con 79 prazas das que tres serán de tipo PMR. O investimento previsto é de 1,7 millóns de euros.
Adquisición do inmoble modernista Casa Carré, en Eirís
A alcaldesa deu conta da adquisición da coñecida como Casa Carré, inmbole modernista cun importante valor patrimonial e histórico. O Concello aprobou a expropiación da parcela sita na Avenida Monelos nº 46 por un importe total de 459.619,14 euros, froito do acordo cos dous propietarios actuais, pertencentes á familia Carré. “A adquisición da Casa Carré e dos seus xardíns era un compromiso deste Goberno local cos veciños e veciñas de Eirís que hoxe cumplimos” sinalou Rey.
A casa foi fogar do escritor coruñés Eugenio Carré Aldao, dono da popular imprenta La Regional, e fundador da tertulia A Cova Céltica onde participaban numerosos galeguistas ilustres como Pondal ou Curros Enríquez. Ademais, a casa é obra do arquitecto Rafael González Villar, un dos máximos expoñentes do modernismo e o art nouveau da Coruña.
A alcaldesa explicou que o vixente Plan Xeral clasificaba a parcela como solo urbano e dotación local, destinada a viario, espazo libre e equipamento de carácter público. O barrio contará, deste xeito, cun novo parque e cun edificio histórico que terá uso dotacional, reforzando as infraestruturas públicas do barrio.