Aprobada a urbanización dos dous soares baleiros na rúa Bergondo no Castrillón (Coruña)
Este mércores a Xunta de Goberno Local do Concello da Coruña certificou a aprobación definitiva do proxecto de normalización de terreos que afecta a dúas parcelas situadas entre as rúas Bergondo e Sarxento Veiga, no barrio do Castrillón.
Estas parcelas en cuestión están situadas fronte á praza de Pablo Iglesias e abarcan unha superficie conxunta de 1.178 metros cadrados (1.111 a máis ampla, 67 a máis reducida). “Na actualidade, ambos soares están baleiros, sendo os únicos predios que restan por urbanizar nas áreas de solo destinado a edificación na rúa Bergondo”, expuxo a alcaldesa Inés Rey.
Cómpre lembrar que a aprobación inicial ao proxecto tivo lugar o pasado mes de decembro, tamén en Xunta de Goberno Local. Tras estar exposto a información pública, resolveuse unha alegación a favor das persoas titulares da parcela máis pequena, cun axuste na compensación económica, o que permitirá aos titulares da parcela máis ampla a unificación da superficie total, co acordo das dúas partes implicadas.
Dando continuidade aos asuntos relativos á área de Urbanismo, esta mañá tamén se fixo balance das licenzas resoltas no período entre os días 15 e 26 de marzo, con 135 expedientes notificados, dos que 23 foron licenzas urbanísticas e 82 foron obras en réxime de comunicado.
Como expediente particular, destaca a licenza concedida para a demolición dun esqueleto urbanístico existente nos altos do lugar das Rañas, unha estrutura abandonada desde hai anos, visible desde a Terceira Rolda, e que será derrubada.