Aprobada a nova ordenanza SITE para mellorar a eficiencia enerxética nas fachadas da Coruña

ACoruñaXa
O Concello tamén impulsa a construción dunha pista multideporte en Breogán, autoriza a demolición dos silos de San Diego, aproba melloras na biblioteca de Estudos Locais e licenza obras de restauración en Santa María do Campo
Xunta do Goberno local na Coruña 27 novembro
27 Nov 2024

A Xunta de Goberno Local da Coruña aprobou esta mañá importantes medidas en materia urbanística, ambiental e patrimonial. Entre elas destaca a aprobación da nova ordenanza de Sistemas de Illamento Térmico Exterior (SITE), que establece o marco regulador para a instalación de sistemas de eficiencia enerxética en fachadas de edificios, garantindo a protección do patrimonio arquitectónico e a coherencia estética da cidade.

O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, explicou que esta normativa introduce requisitos específicos para os edificios catalogados, limitando a instalación de sistemas de illamento nas fachadas principais, pero permitindo actuacións en muros medianeiros ou patios interiores. En edificios non catalogados, permitirase o illamento exterior sempre que se respecten o deseño, cromatismo e materiais orixinais. “Non buscamos poñer trabas, senón garantir a calidade arquitectónica dunha cidade cunha identidade tan rica como a nosa”, destacou Lage.

Nova pista multideporte en Breogán

Tamén foi aprobado o proxecto de construción dunha pista multideporte na urbanización Breogán, cun investimento de case 300.000 euros. Este novo espazo permitirá a práctica simultánea de deportes como fútbol, baloncesto e voleibol, contará cun peche perimetral e un sistema de iluminación moderna. As obras, que se prevé completar en seis meses tras a súa licitación, forman parte do compromiso do Goberno de Inés Rey para reforzar as dotacións deportivas nos barrios.

Esta iniciativa sumarase ás novas pistas multideporte que se construirán en Os Rosales e A Silva, cuxos proxectos están en fase de contratación. Ademais, está en marcha a redacción do Plan Director de Instalacións e Equipamentos Deportivos, que marcará as directrices para futuras actuacións neste ámbito.

Melloras patrimoniais e urbanísticas

No ámbito patrimonial, autorizouse a concesión de licenza ao Arcebispado de Santiago para restaurar a colexiata de Santa María do Campo, un ben declarado de interese cultural. As actuacións incluirán a restauración da lanterna, a impermeabilización dos muros afectados por humidade e a limpeza das carpintarías históricas da fachada leste.

En paralelo, avanzan as melloras na rede de bibliotecas municipais. Na biblioteca de Estudos Locais substituíase a tarima deteriorada do primeiro andar por madeira de castiñeiro, cun investimento de 75.000 euros. Ademais, a recente ampliación da biblioteca da Sagrada Familia sumará unha nova sala polivalente, situando o investimento total deste ano nas bibliotecas municipais en máis de 500.000 euros.

Demolición dos silos de San Diego e outras actuacións urbanísticas

Outro dos puntos destacados foi a concesión de licenza a Repsol para a demolición dos silos petrolíferos en San Diego. Esta actuación marca un paso importante no plan de liberación dos peiraos e na integración da fachada marítima na paisaxe urbana da cidade.

Finalmente, tamén se adxudicaron contratos clave como a segunda fase de renovación do sistema de climatización da Fundación Luís Seoane, a conservación das fontes ornamentais municipais e o control das aves urbanas, cun investimento total de máis de 950.000 euros.

“A Coruña avanza cara un modelo urbano sostible e moderno, mantendo sempre o respecto pola súa identidade histórica e patrimonial”, concluíu Lage.

0.1680748462677