Aplícanse novas técnicas de multiplicación para preservar as variedades galegas de oliveira

ACoruñaXa
A Fundación Juana de Vega, entre 2017 e 2023, a entidade financiou con fondos propios e un orzamento duns 300.000 euros o proxecto de investigación que é agora a base do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia
Oliveiras - Juana de Vega
1 Feb 2024

Galicia desenvolverá novas técnicas de multiplicación a gran escala das variedades autóctonas da oliveira para responder á elevada demanda de planta. Deste xeito durante os próximos tres meses o Grupo Operativo Oliveiras de Galicia xuntará coñecemento, técnica e recursos para impulsar o desenvolvemento do sector da oliveira en Galicia.

O consorcio desta investigación aplicada, liderado pola Fundación Juana de Vega, está participado pola Misión Biológica de Galicia (CSIC), a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) da Consellería do Medio Rural, as empresas Ouro de Quiroga (Lugo) e Olivar de la Concordia (Valga, Pontevedra), e o laboratorio Cultigar, como colaborador externo.

Con este proxecto de I+D+i búscase poñer a punto e optimizar a gran escala técnicas ad hoc para multiplicación mediante estacaxe clásica e microestacaxe in vitro estas 11 variedades únicas que permitan prover aos viveiros, de forma eficiente e sostible, de plantas que cubran a alta demanda rexistrada no mercado polos novos agricultores galegos. Segundo datos do Ministerio de Agricultura (MAPA), desde 2009 a superficie cultivada destinada á oliveira aumentou un 279%.

No marco deste proxecto tamén se sentarán as bases para iniciar estudos comparativos sobre o comportamento agronómico destas variedades en plantacións situadas en diferentes puntos da nosa comunidade. En concreto, na propia MBG e na plantación experimental da Axencia Galega de Calidade Alimentaria na Pobra do Brollón (Lugo).

Vantaxes e nicho no mercado

Por unha banda, a micropropagación in vitro supoñerá un recorte nos tempos para obter gran número de exemplares e permitirá a proba de dous novos tipos de hormonas que favorezan o enraizamento da planta. Así mesmo, o establecemento das parcelas experimentais permitirá comparar o seu comportamento e, por último, o cultivo de exemplares xa adaptados ao solo e ao clima de Galicia permitirá obter olivas e aceite dunha calidade diferenciada respecto a os produtos existentes no mercado.

Ademais, tal e como destacan os promotores do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia, esta investigación contribuirá a conservar a nosa biodiversidade agraria, integrada no patrimonio da humanidade, e dar un paso máis aló da súa conservación en bancos de xermoplasma.

O proxecto do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia, 'Multiplicación a gran escala de oliveira autóctona', foi un dos seleccionados para ser financiados na pasada convocatoria 2023 das Axudas para a execución de proxectos innovadores dos Grupos Operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027. Cun orzamento total de 179.652,68 euros.

Impulsar a recuperación das variedades autóctonas galegas

Hai uns días, a sede da Fundación Juana de Vega, acolleu a reunión de presentación do Grupo Operativo Oliveiras de Galicia coa asistencia de representantes do consorcio e colaboradores. “Case todos os días recibimos chamadas preguntando se temos plantas de oliveira autóctona listas para plantar. Con esta investigación poderemos responder a esta demanda, aínda que non de forma tan inmediata como nos gustaría, xa que necesitamos tempo para facer os ensaios”, sinalaba Carmen Martínez, xefa do grupo Viticultura, Olivo y Rosa (VIOR) da MBG.

Desde a Fundación Juana de Vega manifestaron que “para nós é prioritario impulsar a recuperación, multiplicación e transferencia ao sector das variedades autóctonas de Galicia. O noso obxectivo é tanto apoiar a biodiversidade como manter o noso patrimonio natural e obter producións diferenciadas que, respaldadas, polo prestixio dos produtos galegos, permitan desenvolver un sector olivarero que facilite a recuperación de territorios en risco de abandono e despoboamento”.

No caso concreto da Fundación Juana de Vega, entre 2017 e 2023, a entidade financiou con fondos propios e un orzamento duns 300.000€, o proxecto de investigación que é agora a base deste Grupo Operativo. O fin foi tanto apoiar a biodiversidade de Galicia como manter o noso patrimonio natural e obter producións diferenciadas que, apoiadas, polo prestixio dos produtos galegos, permitan desenvolver un sector olivarero que facilite a recuperación de territorios en risco de abandono e despoboamento

 

 

0.17888903617859