Ana Ramil guiará este domingo un roteiro literario pola Coruña seguindo as pegadas de ‘Onde baten as ondas do meu corazón’

ACoruñaXa
A actividade da AELG percorrerá diferentes espazos da cidade a partir das 12:00 horas e terá como punto de saída o paseo marítimo da praia do Orzán
A CORUÑA roteiro ana ramil
3 Oct 2026

A Coruña volverá este domingo, 4 de outubro, converterse nun escenario para achegarse á literatura da man da escritora Ana Ramil. A poeta será a encargada de guiar o roteiro 'Onde baten as ondas do meu corazón', unha actividade organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) co apoio do Concello da Coruña.

A proposta busca descubrir diferentes espazos das cidades e vilas galegas a través da mirada das súas escritoras e escritores, relacionando os lugares polos que transcorre o percorrido coa memoria literaria. Deste xeito, a iniciativa pretende achegar a creación literaria ao espazo urbano e permitir que a cidadanía coñeza a cidade desde unha perspectiva vinculada ás obras e ás voces dos seus autores.

O roteiro guiado por Ana Ramil partirá ás 12:00 horas do paseo marítimo da praia do Orzán, á altura do número 19 da avenida Barrié de la Maza. Desde este punto, o percorrido continuará por diferentes espazos da cidade seguindo o fío da proposta literaria.

A propia autora resume o espírito da actividade a través dunha frase que acompaña a convocatoria: 'Dende a coiraza do Orzán ata a praza das Bárbaras, o pulso da península desbócase e amaina ao compás da nosa marcha'.

A actividade está aberta á participación da cidadanía e terá asistencia gratuíta, sen necesidade de realizar inscrición previa. A iniciativa forma parte do programa de paseos literarios da AELG, que busca recuperar a relación entre os espazos físicos e a memoria literaria do país a través de percorridos guiados por autoras e autores.

0.13681697845459