Amplíanse as visitas ó Pazo de Meirás en Sada ás mañás dos venres
O Concello de Sada amplía as visitas ó Pazo de Meirás co obxectivo de canalizar as numerosas peticións existentes ó longo do ano. A partir deste venres, as visitas guiadas pódense realizar tamén en horario de mañá, ás 11.00 e ás 12.30, sumándose aos horarios xa existentes das fins de semana.
Deste xeito ofrece unha maior flexibilidade para os visitantes que desexen coñecer este histórico inmoble, cuxa visita se circunscribe polo de agora ós xardíns exteriores, hall de entrada e capela.
Como xa acontece na actualidade, todas as visitas contan cun número limitado de prazas, sendo 20 persoas ás máximas permitidas por cada grupo co fin de garantir unha experiencia enriquecedora e segura. Para reservar unha visita é preciso acceder á páxina web pazodemeiras.sada.gal. Dende o Concello de Sada recomendamos a todas as persoas interesadas a realizar a súa reserva con antelación para asegurar a súa praza, xa que normalmente as distintas quendas quedan completas con semanas de antelación.
Esta ampliación horaria responde ao compromiso do goberno local de Benito Portela para facilitar o acceso a este elemento único do noso patrimonio cultural, así como para fomentar a participación cidadá na conservación e desfrute do noso legado e memoria histórica.
Dende o goberno local animamos tamén a aproveitar a visita ó Pazo de Meirás para coñecer outros recunchos da nosa vila e coñecer mellor o noso patrimonio natural, cultural e artístico, así como disfrutar de todos os atractivos que ofrece Sada nesta época do ano.