Ampliado o prazo de licitación para a redacción do proxecto do futuro centro de formación da cidade das TIC

ACoruñaXa
Cun orzamento base de 198.000 euros, contempla a rehabilitación dos edificios da Escola de Formación Profesional e a Clínica da antiga Fábrica de Armas
cidade das TIC
Imaxe da Cidade das TIC
7 Out 2024

A Xunta de Galicia vén de ampliar ata o vindeiro 24 de outubro o prazo de licitación da redacción do proxecto básico e de execución para rehabilitar os edificios da Escola de Formación Profesional e a Clínica da antiga Fábrica de Armas da Coruña. Trátase do primeiro paso para a creación, no marco do complexo da Cidade das TIC, dun novo Centro de Formación autonómico especializado en novas ocupacións relacionadas coa transición verde e dixital, en liña coas demandas do mercado actual e o aproveitamento das novas oportunidades económicas, sociais e ambientais.

O orzamento base de licitación para rehabilitación de ambos edificios é de 198.000 euros e a empresa que resulte adxudicataria contará cun prazo de cinco meses para a súa redacción. A Xunta estima que o custo de rehabilitación de ambos inmobles será de 2,43 millóns de euros.

Tanto a escola, que conta en total con 2.258 metros cadrados, como a clínica, dotada de 395 metros cadrados, son construcións de mediados do século XX que levan tempo sen uso, polo que se require dunha rehabilitación e adaptación ás normativas e estándares actuais, tanto nos ámbitos construtivos, como enerxético, medioambiental e de usabilidade.

Detalles do proxecto

Segundo se establece no documento de licitación, a reforma da antiga Escola de Formación Profesional deberá contemplar na planta baixa do edificio a creación dunha zona de recepción e sala de espera, catro espazos formativos -con capacidade para 30 postos de formación- de 100 metros cadrados cada un, un espazo de innovación de 100 metros cadrados, un salón de actos de cando menos 200 metros cadrados, así como zonas de aseos e almacén, entre outros.

O andar superior deberá contar con outros catro espazos formativos e un novo espazo de innovación de similares características que os anteriores, zona de dirección e administración, áreas tanto de xefatura de estudos como técnica -ambas con capacidade para catro postos de traballo- e máis aseos. Ademais, este edificio deberá contar con espazos verdes, de ocio e de descanso.

Pola súa banda, o proxecto de rehabilitación da antiga clínica deberá dispoñer de vestíbulo, dous espazos para reunións, catros espazos de traballo individuais, aseos públicos e zona de almacén.
O proxecto que se redacte deberá respectar a fachada dos edificios orixinais para manter a estética, acorde co resto de rehabilitacións xa acometidas no complexo da antiga Fábrica de Armas da Coruña. Ademais, en liña coa súa temática -relacionada coa transición verde e ecolóxica- deberá contar cunha elevada eficiencia enerxética e de climatización, así como cunha alta capacidade tecnolóxica e de conectividade acorde aos seus futuros usos e actividades.

O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa do Fondo de Transición Xusta.

0.22357892990112