Alumnos de Cambre e Carral participan nun intercambio con estudantes franceses

ACoruñaXa
O IES David Buján e o IES de Carral están a participar nun intercambio co Lycée Saint Michel, da cidade de Annecy
Imaxe dos alumnos de Carral e Cambre con estudantes chegados de Francia
Imaxe dos alumnos de Carral e Cambre con estudantes chegados de Francia
10 abr 2024

O IES David Buján e o IES de Carral teñen, desde este curso académico, un lazo irrompible coa cidade francesa de Annecy. En concreto, co Lycée Saint Michel, co que están a tomar parte nun intercambio lingüístico. Durante a primeira fase da iniciativa, que levou a cabo antes de Semana Santa, o alumnado de Cambre e Carral desprazouse ata o pobo galo. Agora, os mozos e mozas franceses están a facer o propio, e terán ocasión de coñecer Cambre, Carral e outros lugares de Galicia ata este xoves.

Durante estes días, os estudantes están a participar en numerosas actividades e saídas. O calendario de onte, martes 9 de abril, incluíu, por exemplo, unha actividade multideporte no pavillón do Buján. A proposta desenvolveuse como parte do tema central do intercambio, saúde e vida activa, en colaboración coa área de Educación Física do centro e do IES Afonso X O Sabio. Con todo, o programa abarca tamén excursións a Coruña, ao Grove, a Carral, onde aprenderán a elaborar pan, e tamén a Santiago.

Os institutos de Cambre e Carral organizan este intercambio grazas á bolsa EduExchanges concedida pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.