Alumnos da UDC gañan os tres premios no certame Xuventude Crea en Creación de Videoxogos

ACoruñaXa
O primeiro premio foi para 'Maestosia', un videoxogo sobre saúde mental, seguido de 'A Hundred Days of Summer' e 'Souri' en segundo e terceiro posto
Foto de familia co alumnado premiado e membros do tribunal
12 Nov 2024

Estudantes da Universidade da Coruña (UDC) acadaron os tres primeiros postos na categoría de Creación de Videoxogos do certame Xuventude Crea 2024, un concurso promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia para incentivar o talento novo en distintas disciplinas creativas.

O primeiro premio, dotado con 2.000 euros, recaeu en 'Maestosia', un videoxogo desenvolvido por Gael Alberto Quintela, estudante do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Esta proposta aborda a saúde mental como tema central e explora o uso da música e o son como mecánicas de xogo, ofrecendo unha experiencia innovadora e introspectiva.

O segundo galardón, con 1.500 euros de dotación, foi para 'A Hundred Days of Summer', un proxecto creado por un equipo de alumnos do Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos da Facultade de Ciencias da Comunicación no Campus da Coruña. Lois Barreiro, Tamara García, Alba Martínez, Lúa Pereira, Victoria Porteiro, Ezequiel Riveiro, Andrea Rodríguez, Javier Rodríguez, Carlota Velasco e Katarzyna Zieba elaboraron un xogo centrado na exploración e no combate, narrado dende a perspectiva dun neno cunha gran imaxinación.

O terceiro premio, cunha dotación de 1.000 euros, foi para 'Souri', un xogo en 3D de aventuras submariñas en terceira persoa protagonizado por un peixe, desenvolvido polos estudantes Laura Cuestas e Alberto Ferrer, tamén do Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos.

Ademais destes premios, outorgouse un Premio de Honra a Muspelheim, unha historia de aventuras que segue un samurai na súa exploración das ruínas dunha antiga civilización. Esta obra foi realizada polo vigués Adrián Vila, quen destacou pola súa proposta artística e narrativa.

0.16779899597168