Alumnado do CEIP Plurilingüe de Tarrío participa nun proxecto de aprendizaxe intercultural

O alumnado de sexto de primaria do CEIP Plurilingüe de Tarrío, en Culleredo, está a participar nun proxecto europeo que promove a aprendizaxe intercultural dun xeito innovador. A iniciativa, denominada 'Let’s Sing Together', forma parte do programa eTwinning e permite aos nenos e nenas aprender a través da música, os idiomas e a tecnoloxía, ao tempo que se conectan con estudantes doutros centros de Europa.
O centro cullerdense participa neste proxecto colaborativo dentro do marco Erasmus Plus, unha rede que une a profesores e centros educativos a nivel europeo para compartir traballos e distintos métodos de aprendizaxe. Dentro deste marco, existe a posibilidade de crear un proxecto desde cero ou de adherirse a un xa creado, que é o caso do CEIP de Tarrío, onde se optou por participar na iniciativa 'Let’s Sing Together'.
Cada proxecto conta cunha serie de desafíos sobre distintas ramas do coñecemento, como a música, as linguas ou a tecnoloxía, que son as grandes protagonistas da iniciativa na que participa o centro cullerdense. A través dunha plataforma en liña, cólganse os diferentes desafíos a realizar e cada centro levalos a cabo á súa maneira, utilizando o inglés como lingua vehicular entre eles.
No caso do CEIP de Tarrío, o fío condutor son as notas musicais, que se atopan 'pechadas' e deben ser liberadas mediante a realización de distintas tarefas. Cada nota está asociada a un reto que se debe superar para poder liberala. Un dos desafíos, por exemplo, consistiu na creación de avatares dixitais, pero o alumnado realizou outros, como a composición dunha canción en inglés ou a escritura de cartas para nenos de todo o continente.
Unha vez realizado o reto, o alumnado compárteo co resto dos colexios participantes a través dunha plataforma, fomentando a colaboración e a aprendizaxe intercultural. Lucía Picos, mestra e titora do proxecto, destaca "a importancia destas iniciativas para fomentar tipos de aprendizaxe diferentes que conectan co alumnado", resaltando ademais a gran acollida que tivo esta idea non só no centro, senón tamén "por parte dos nenos e nenas, que están especialmente motivados e guían o proxecto segundo as súa preferencias".
O alumnado, pola súa banda, pode coñecer as culturas doutros lugares, as súa maneiras de traballar e os proxectos que se levan a cabo noutros centros, ao tempo que desenvolven as súa capacidades lingüísticas e creativas.
O proxecto, que deu comezo no mes de setembro, estenderase ata o próximo mes de maio, cando se prevé que "se liberen" todas as notas musicais e rematen todos os desafíos que contempla esta orixinal forma de aprender e conectar culturas.