Alternativa pide reforzos de persoal en Secretaría en Culleredo tras un informe interno sobre a carga de traballo

ACoruñaXa
O grupo municipal amosa o seu apoio ao persoal e alerta de incidencias no rexistro, padrón e atención á cidadanía, mentres o Concello lembra a recente OPE aprobada con 21 prazas
Casa_do_Concello_Culleredo
23 Dec 2025

O grupo municipal Alternativa dos Veciños expresou o seu apoio ao persoal da área de Secretaría do Concello de Culleredo e reclamou medidas para reforzar o servizo, despois de coñecerse un informe interno do secretario municipal no que se advirte de dificultades para manter unha prestación normalizada por falta de efectivos.

Segundo expón Alternativa, a situación vén marcada pola ausencia de substitucións en baixas laborais e xubilacións, o que afecta non só a Secretaría, senón tamén a departamentos vencellados como rexistro, padrón municipal, arquivo, atención á cidadanía e informática. No documento interno, recóllese que o funcionamento do servizo está condicionado por unha organización con cambios continuos e que, entre outras consecuencias, a atención telefónica personalizada posta en marcha en xuño acabou suspendéndose.

A formación sinala tamén que o calendario de vacacións de decembro pode implicar o peche temporal dunha das oficinas de rexistro, ademais de atrasos noutros ámbitos municipais como intervención e urbanismo, con impacto na tramitación de expedientes e procedementos.

Pola súa banda, o Concello vén de aprobar a súa Oferta Pública de Emprego con 21 prazas (7 de acceso libre, 1 de promoción interna e 13 de funcionarización), unha medida coa que o goberno local asegura querer reforzar distintas áreas do Concello. No mesmo comunicado, o executivo municipal indicou que o informe do secretario forma parte dun análise interno e recoñeceu a necesidade de incrementar persoal, apuntando tamén a xubilacións, baixas e limitacións normativas como factores que condicionan o día a día.

⚙ Configurar cookies
0.079732894897461