Alternativa Enxebre reclama novas inspeccións na explotación porcina de Lañas tras detectar acumulacións de purín

ACoruñaXa
A formación asegura que persisten os problemas denunciados desde 2022 e pide ao Concello de Arteixo que explique as inspeccións realizadas e as medidas adoptadas
granxa-de-lañas-arteixo
16 Aug 2026

Alternativa Enxebre anuncia novas denuncias ante as administracións competentes pola situación da explotación porcina situada no lugar da Ermida, na parroquia de Lañas, despois de comprobar, segundo a formación, novas deficiencias nas instalacións e acumulacións de purín no exterior.

A concelleira de Alternativa Enxebre no Concello de Arteixo, Noelia Martínez Canosa, lembra que os problemas desta explotación xa foran denunciados publicamente en 2022. Naquela ocasión, Martínez Canosa, xunto con persoas que posteriormente formarían parte da formación e veciños afectados, reclamara actuacións para solucionar as molestias e deficiencias sinaladas.

Tras aquelas denuncias producíronse algunhas actuacións e o propietario comprometeuse a presentar un proxecto e executar diferentes melloras. Porén, Alternativa Enxebre considera que a situación non quedou resolta, ata o punto de que en 2024 volveu trasladar a problemática ao Pleno do Concello de Arteixo.

“Levamos anos advertindo desta situación. Denunciámola en 2022, volvemos levala ao Pleno en 2024 e chegamos a 2026 comprobando novamente problemas que nunca deberían terse prolongado durante tanto tempo”, sinala Martínez Canosa.

Nos últimos meses, representantes da formación mantiveron contactos con veciños afectados e co propietario da explotación coa intención de buscar unha solución antes de recorrer novamente ás denuncias públicas e administrativas. Incluso se celebrou unha reunión na propia granxa, á que asistiron o propietario, veciños e representantes de Alternativa Enxebre.

Durante ese encontro, segundo explica a formación, trasladáronse as deficiencias relacionadas coa balsa de seguridade, a acumulación de puríns, a limpeza e o mantemento, o estado dos cerramentos e tabiques, a cuberta, o valado e o acceso ao pozo de puríns, así como os cheiros e a presenza de insectos.

Posteriormente, a balsa de seguridade foi baleirada e limpa e o propietario comprometeuse a acometer novas actuacións para acondicionar as instalacións e corrixir os problemas detectados.

“Falamos co propietario, reunímonos con el na propia explotación e trasladámoslle persoalmente os problemas que estaban sufrindo os veciños. Demos tempo e intentamos que isto se solucionase mediante o diálogo. Comprometeuse a realizar unha serie de actuacións, pero a situación que atopamos agora demostra que esas actuacións non se levaron a cabo”, afirma Martínez.

A formación asegura que nos últimos días recibiu novos vídeos de veciños e que membros de Alternativa Enxebre se desprazaron novamente ás inmediacións da explotación. Segundo a súa versión, comprobaron unha acumulación importante de purín no exterior, que atribúen aparentemente a fugas ou deficiencias da propia instalación, así como o seu avance pola parte posterior.

Alternativa Enxebre tamén alerta do estado de deterioración dalgúns elementos da explotación, con formigón degradado, fendas e aberturas nos cerramentos, tabiques deteriorados e zonas da cuberta afundidas ou con placas en mal estado. A formación engade que os residentes continúan denunciando fortes cheiros e unha importante presenza de insectos.

“Os veciños fannos chegar os vídeos, nós desprazámonos ata o lugar e o que atopamos é perfectamente visible. Hai purín acumulado no exterior, instalacións moi deterioradas, fendas, problemas na cuberta, fortes cheiros e insectos. Non estamos falando dunha queixa puntual, senón dunha situación que leva anos afectando á calidade de vida da veciñanza”, denuncia Martínez Canosa.

A concelleira reclama explicacións ás áreas municipais de Medio Ambiente e Urbanismo sobre as inspeccións realizadas, o seguimento das actuacións reclamadas anteriormente e as medidas que o Concello pretende adoptar ante a situación actual.

“Onde están Medio Ambiente e Urbanismo do Concello de Arteixo? Que inspeccións se fixeron? Que seguimento se realizou? Que se comprobou despois das denuncias de 2022 e 2024? Non é admisible que pasen os anos e sexan os veciños os que teñan que volver unha e outra vez a denunciar os mesmos problemas”, cuestiona.

Alternativa Enxebre aclara que non cuestiona o desenvolvemento da actividade gandeira, senón que reclama que esta se leve a cabo cumprindo a normativa ambiental, sanitaria, gandeira, urbanística e de seguridade aplicable e evitando que as deficiencias das instalacións repercutan sobre a veciñanza.

“Aquí non pedimos ningún trato especial para ninguén. Precisamente pedimos todo o contrario: que se inspeccione, que se comprobe o cumprimento da normativa e que se actúe coa mesma esixencia que se lle aplicaría a calquera outro veciño ou empresa de Arteixo”, subliña Martínez Canosa.

A formación anuncia que presentará novas denuncias ante as administracións competentes e achegará a documentación gráfica recollida. Tamén solicitará inspeccións para determinar o estado das instalacións, a orixe das acumulacións de purín e o cumprimento das condicións e autorizacións esixibles á explotación.

En función das respostas que reciba e dos resultados das inspeccións, Alternativa Enxebre estudará tamén outras posibles actuacións administrativas ou legais.

Martínez Canosa considera que xa non abonda con agardar novos compromisos por parte do propietario. “Falamos, reunímonos, advertimos da situación e demos tempo para actuar. Fixemos todo o posible para buscar unha solución sen ter que volver chegar ata aquí. Pero hai un límite, e ese límite é o dereito dos veciños e veciñas a vivir dignamente nas súas propias casas.”

A concelleira conclúe reclamando unha solución definitiva para a zona. “Os veciños da Ermida e de Lañas teñen exactamente o mesmo dereito que calquera outra persoa a abrir as ventás, estar nos seus xardíns e facer vida nas súas casas sen ter que soportar continuamente esta situación. Non imos permitir que isto quede outra vez en catro parches. Lañas merece unha solución definitiva e imos esixir que se adopten as medidas necesarias para conseguila”.

0.13048815727234