Alternativa Enxebre propón un plan municipal permanente para actuar contra o abandono de parcelas en Arteixo

ACoruñaXa
A formación levará ao próximo pleno unha moción para reforzar a inspección, acelerar os expedientes e recorrer á execución subsidiaria cando sexa necesario
noelia-martinez-alternativa-enxebre-arteixo
22 Jul 2026

Alternativa Enxebre presentará no vindeiro pleno ordinario do Concello de Arteixo unha moción para impulsar un Plan Municipal Permanente de Inspección, Control e Actuación fronte ao abandono de parcelas. A iniciativa, defendida pola concelleira Noelia Martínez Canosa, busca establecer unha resposta continuada ante unha problemática que, segundo a formación, afecta cada vez a máis puntos do municipio.

A proposta parte da consideración de que o estado de abandono de numerosas parcelas deixou de ser un feito illado para converterse nunha situación que repercute na seguridade, na salubridade, na convivencia veciñal e no incremento do risco de incendios.

Segundo explica Noelia Martínez, “o abandono de numerosas parcelas deixou de ser un problema puntual para converterse nunha situación xeneralizada que afecta á seguridade, á salubridade, á convivencia veciñal e incrementa notablemente o risco de incendios”.

A concelleira lembra que Alternativa Enxebre leva anos denunciando a existencia de parcelas sen manter en diferentes parroquias de Arteixo, moitas delas situadas nas proximidades de vivendas, edificios residenciais e espazos públicos. Ao seu xuízo, en numerosos casos non se adoptaron solucións efectivas.

Neste sentido, sostén que “o problema xa non é que existan propietarios que incumpren as súas obrigas, senón que o Concello non está conseguindo que esas situacións se resolvan nun prazo razoable, a pesar de tratarse de casos coñecidos e denunciados pola propia veciñanza”.

A moción reclama que o Concello dea prioridade aos expedientes xa iniciados, impulsando todas as actuacións administrativas previstas na normativa vixente e recorrendo, cando proceda, á execución subsidiaria para garantir o cumprimento das obrigas legais por parte das persoas propietarias.

Ademais, Alternativa Enxebre propón que, nun prazo máximo de seis meses, se elabore un Plan Municipal Permanente que permita localizar as parcelas abandonadas, establecer criterios de prioridade, reforzar os labores de inspección, coordinar os distintos servizos municipais implicados e realizar un seguimento dos expedientes ata a recuperación da legalidade.

A iniciativa tamén solicita que o Goberno local informe periodicamente ao pleno das actuacións desenvolvidas, co obxectivo de facilitar o control e o seguimento da evolución desta problemática.

Para Noelia Martínez, “Arteixo non pode seguir convivindo con parcelas abandonadas durante meses e mesmo anos, especialmente cando supoñen un risco para as persoas, favorecen a proliferación de pragas e incrementan o perigo de incendios. O Concello ten ferramentas legais para actuar e debe utilizalas con decisión e eficacia”.

Desde Alternativa Enxebre sinalan que a súa proposta pretende establecer unha planificación estable que permita actuar con criterios preventivos e obxectivos, evitando que a intervención municipal dependa unicamente das denuncias presentadas pola veciñanza e apostando por unha actuación continuada por parte da administración local.

0.12361097335815