Alternativa Enxebre pide revisar a ocupación dunha beirarrúa en Chamín por seguridade peonil

Alternativa Enxebre presentou tres escritos para solicitar que se revise a situación da única beirarrúa existente nun tramo da estrada provincial DP-0514, en Chamín, diante do establecemento Bar O Ferrador. A formación pide comprobar se a ocupación dese espazo conta coa correspondente autorización administrativa e, de ser necesario, adoptar medidas para garantir o paso peonil.
A concelleira Noelia Martínez Canosa sinala que a súa petición busca poñer o foco na seguridade das persoas que transitan pola zona. Segundo explica, a ocupación da beirarrúa obrigaría a veciños e peóns a baixar á calzada para continuar o seu percorrido.
'O que está en xogo non é unha simple cuestión administrativa nin unha polémica política. O que está en xogo é a seguridade das persoas. Ningún veciño nin ningunha veciña debería verse obrigado a camiñar pola estrada porque a única beirarrúa existente estea ocupada', afirmou Martínez Canosa.
A formación rexistrou un escrito dirixido ao Concello de Arteixo para solicitar a intervención dos servizos municipais e o acceso á documentación relativa á posible ocupación do dominio público. Tamén presentou outro ante a Policía Local, co obxectivo de que se realicen as comprobacións oportunas, e un terceiro ante o Servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña, como titular da estrada provincial DP-0514.
Alternativa Enxebre insiste en que a súa actuación non pretende cuestionar ideas, opinións nin mensaxes políticas, senón reclamar que se garanta o uso correcto do dominio público e a seguridade peonil. A formación pide que se inspeccione a situación, se comprobe a existencia ou non de autorización e se adopten as medidas que correspondan dentro das competencias de cada administración.
Martínez Canosa engade que, unha vez comunicados formalmente os feitos, agarda que as administracións actúen con dilixencia para evitar riscos. 'As normas están para cumprirse e deben aplicarse por igual a todo o mundo. Ningunha persoa debería verse obrigada a xogar coa súa integridade física por non poder utilizar unha beirarrúa que debe permanecer libre para o tránsito peonil', concluíu.