Alternativa dos Veciños reclama a humanización da avenida de Alvedro
Alternativa dos Veciños presentará no próximo pleno municipal unha moción para acometer a humanización da avenida de Alvedro, na N-550, ao seu paso polo núcleo desta localidade. A proposta inclúe a reconstrución das beirarrúas existentes, actualmente deterioradas, e melloras no entorno.
A formación demanda que a obra se inclúa nos orzamentos municipais de 2025 ou, como alternativa, que se financie cos fondos procedentes dos plans da Deputación da Coruña. Segundo indican, as beirarrúas atópanse nun estado que supón un evidente perigo para os peóns, especialmente para as persoas con mobilidade reducida, que non poden utilizalas con seguridade.
Esta petición non é nova: xa foi realizada no ano 2019, co compromiso de levar a cabo a actuación ao longo de 2020 mediante os fondos Edusi. Con todo, a obra segue pendente. Alternativa considera que, tras a finalización das obras na Rúa Liñares, que conecta directamente coa avenida de Alvedro, este é o momento idóneo para abordar a intervención.