Alternativa dos Veciños denuncia a precariedade no servizo de pediatría en Arteixo

ACoruñaXa
Alternativa dos Veciños presentou unha moción sobre a precariedade no servizo de pediatría nos centros de saúde de Arteixo, que se tratará no pleno ordinario de febreiro que se celebrará o próximo xoves día 29
Imaxe do Centro de Saúde de Vilarrodís en Arteixo
Imaxe do Centro de Saúde de Vilarrodís en Arteixo
28 feb 2024

Alternativa dos Veciños de Arteixo denuncia que os recortes e precariedade imposta no sistema sanitario público de Galicia polo Goberno autonómico, están a provocar graves carencias na atención e na prestación deste servicio público no municipio. "Nin os nosos nenos e nenas están a librarse das gravísimas carencias de recursos técnicos e principalmente humanos", apuntan.

“Debemos ter en conta, que a día de hoxe, os centros de saúde de Vilarrodís e Meicende seguen a compartir o servizo de pediatría, deixando sen cubrir o servizo de maneira alterna, mentres que o novo pediatra incorporado ao Centro de Saúde de Arteixo ten que compartir sala e alternar consulta cun médico de familia como consecuencia de non haber dispoñible ningunha sala, cando podería estar pasando consulta no Centro de Saúde de Vilarrodís onde hai salas libres e mesmo algunha xa está habilitada para o servizo de pediatría. Isto, tamén axudaría a desconxestionar o Centro de Saúde de Arteixo e a mellorar o servizo de pediatría no Centro de Saúde de Vilarrodís, que actualmente só conta con un día á semana con atención de pediatría” apunta a Voceira de Alternativa dos Veciños, Noelia Martínez Canosa.

Por elo, apuntan que a súa formación presentará unha moción no pleno do 29 de febreiro para que sexa aprobada previo debate e así, solicitarlle á Xerencia da Área Sanitaria que estude a posibilidade de que un dos pediatras do Centro de Saúde de Arteixo pase a consultar no Centro de Saúde de Vilarrodís. "Xa que así tería unha sala propia e habilitada para o servizo de pediatría e, tamén axudaría a desconxestionar o Centro de Saúde de Arteixo e a mellorar a atención no Centro de Saúde de Vilarrodís e a evitar a alternancia do servizo de pediatría nos centros de saúde de Meicende e Vilarrodís", matiza a voceira de Alternativa.

Ademais, a voceira sinalada que a día de hoxe, o PAC de Arteixo segue sen contar cun pediatra que cubra este servizo en horario de urxencias, provocando isto que os nenos e nenas comprendidos en idade de 0 a 14 anos teñan que ser atendidos por un médico de medicina xeral en vez de por un especialista en pediatría ou, que na maioría dos casos, teñen que ser derivados ao Materno Infantil da Coruña. "O cal supón graves prexuízos para os pacientes que son derivados e que se ven abocados a longos períodos de espera, para as familias que se teñen que desprazar utilizando medios e recursos propios e, tamén para o Hospital Materno Infantil que na maioría dos dias do ano atópase colapsado como consecuencia da precariedade e do mal funcionamento na atención primaria.” explica Noelia Martínez. Dende Alternativa dos Veciños queren solicitarlle á Xerencia a incorporación dun pediatra para o PAC de Arteixo para paliar esta situación.