Alternativa denuncia o deterioro da beirarrúa da AC-214 e alerta da falta dun itinerario seguro entre Amil e o centro de Cambre

A veciñanza do núcleo de Amil volve poñer o foco no mal estado da beirarrúa da estrada autonómica AC-214, a vía que conecta esta zona co centro urbano de Cambre. Segundo denuncia Alternativa, trátase dun problema que continúa sen resolverse e que se suma ao deterioro doutras estradas de titularidade municipal no entorno.
A formación explica que, na práctica, non existe unha alternativa segura para desprazarse a pé cara á vila, a pesar de que Amil se atopa a uns 500 metros da Casa do Concello. Nunha das marxes, a beirarrúa non ten continuidade ata o núcleo urbano; na outra, aínda que hai paso peonil, non se garante nin un percorrido completo nin condicións mínimas de accesibilidade para persoas con mobilidade reducida, cadeiras de rodas ou carriños infantís.
Esta carencia, advirten, obriga diariamente a camiñar pola propia calzada nun tramo con elevado volume de tráfico, o que incrementa o risco para a seguridade viaria. A situación complétase, engaden, co estado das vías municipais que forman parte do rueiro de Amil.
Alternativa anunciou que reclamará de novo actuacións para mellorar a ordenación do tráfico na zona e avanzar cara a unha solución que garanta un acceso peonil seguro ao centro de Cambre.