Alternativa de Cambre pide completar o paseo da ría para mellorar a mobilidade e seguridade

ACoruñaXa
A agrupación insta a Dirección Xeral da Costa e o Mar a finalizar os tramos pendentes entre Cambre e Oleiros
Imaxe da ría do Burgo
29 Oct 2024

Alternativa de Cambre presentou unha moción para instar ao Concello a que demande da Dirección Xeral da Costa e o Mar a contratación das obras necesarias para completar os tramos de paseo marítimo que quedan pendentes entre Cambre e Oleiros. O obxectivo é que a cidadanía poida percorrer toda a ría do Burgo a pé ou en bicicleta de maneira continua, segura e accesible.

A moción destaca que, tras as obras de recuperación integral e dragado da ría, era razoable esperar a conexión dos paseos marítimos dos concellos de Culleredo, Cambre e Oleiros. Alternativa lembra que esta conexión, que permitiría circunvalar a ría, estaba contemplada no proxecto inicial. "É indignante que tras un investimento de 37,5 millóns de euros, non se completase este tramo, esencial para a mobilidade sostible da comarca", subliñan.

Alternativa tamén denuncia que a falta destes tramos rompe a continuidade entre os municipios, o que resulta un inconveniente para os usuarios que buscan unha alternativa segura e sostible de desprazamento cara a Santa Cristina ou a Ponte da Pasaxe.

⚙ Configurar cookies
0.57187986373901