Alternativa Cambre logra o compromiso do Goberno municipal para reforzar o control nas zonas de estacionamento do Temple

ACoruñaXa
O Concello aplicará medidas disuasorias e de vixilancia para reducir os problemas de mal estacionamento que se repiten diariamente na zona
Marquesina O Temple Cambre
1 Dec 2025

O grupo municipal Alternativa impulsa unha iniciativa no Concello destinada a tomar medidas para facer fronte ás condutas de mal estacionamento que, denuncian, se repiten a diario na zona do Temple. Ante esta demanda, o goberno local aceptou implementar medidas disuasorias e reforzar o control para reducir estes problemas.

A situación, sinalan, é especialmente preocupante nas inmediacións de varios establecementos de restauración, onde é habitual atopar vehículos estacionados en dobre fila, sobre as beirarrúas ou mesmo bloqueando pasos de peóns e prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida.

Un problema que, segundo advirten desde o grupo municipal, se agravou debido á redución de efectivos e recursos na policía local, o que fai necesario aumentar a presenza policial para garantir unha vixilancia máis constante e eficaz que evite estas condutas incívicas, que dificultan aínda máis a mobilidade na parroquia.

Ante esta situación, Alternativa logrou o compromiso do goberno municipal para reforzar os mecanismos de control e vixilancia co fin de frear estas prácticas.

⚙ Configurar cookies
0.075547933578491