Alternativa apóiase nun informe municipal para cuestionar a xestión de UxC en Cambre

ACoruñaXa
O grupo sostén que o documento atribúe a crise de pagos e contratación a incumprimentos acumulados e non a un suposto 'bloqueo administrativo'
Imaxe do Concello de Cambre
9 Apr 2026

Alternativa dos Veciños volveu cargar contra Unión por Cambre ao asegurar que un informe municipal incorporado á documentación plenaria avala a súa tese de que a situación do Concello non responde a un 'bloqueo administrativo', senón a unha cadea de irregularidades na contratación e á falta de planificación. A formación interpreta que ese documento desmonta o relato político co que UxC explicou durante meses a crise municipal.

No informe, integrado na acta do pleno do 30 de xaneiro de 2025, Intervención advirte de que o Concello mantivo servizos e subministracións sen expediente de contratación e sen as licitacións obrigatorias, unha forma de actuar que relaciona coa situación actual cos provedores e co incumprimento do período medio de pago. O texto engade ademais que a tese do 'bloqueo administrativo' defendida polo equipo de goberno desde setembro de 2023 non tiña base legal, ao lembrar que as competencias de xestión corresponden á alcaldía e que os informes técnicos non son vinculantes.

O mesmo documento recolle que en 2024 se aprobaron tres expedientes de recoñecemento de obrigas de exercicios anteriores por 3.593.168,81 euros, dos cales 3.389.119,60 quedaron ligados a obrigas pendentes de aplicar ao orzamento de 2023. A partir desa base, Alternativa insiste en que a prioridade debe ser agora unha regularización profunda da estrutura contractual e administrativa municipal.

O argumento do 'bloqueo administrativo' fora, precisamente, unha das explicacións centrais de UxC na anterior etapa de goberno. En marzo de 2024, o daquela alcalde Óscar García Patiño vinculou a súa dimisión a esa situación e ao problema do pagamento de facturas, unha tese que o partido mantivo tamén no proceso de substitución na alcaldía.

0.11895608901978