Allegue reclamará en Bruxelas o expediente que anula a prórroga da concesión da AP-9

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, reclamará en Bruxelas o expediente completo sobre a nulidade da prórroga da concesión da autoestrada AP-9.
Allegue explicou a súa viaxe capital belga xunto á directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, para manter mañá unha reunión co director xeral dos Servizos Xurídicos da Comisión Europea, Alberto de Gregorio. Neste encontro busca coñecer de primeira man a tramitación europea do expediente de nulidade da prórroga da concesión da AP-9.
A conselleira lembrou que a Xunta quere coñecer o expediente e cal foi a resposta do Estado á CE tras o ditame sobre a prórroga da concesión. Apuntou que xa se solicitara a documentación ao Ministerio de Transportes o pasado ano e lle foi denegada, polo que a Administración presentou posteriormente recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional, que se atopa visto para sentencia.
“É unha cuestión fundamental para Galicia -subliñou Allegue-. E Galicia necesita saber o que está a acontecer. Queremos coñecer como está ese expediente e que pode suceder como consecuencia do mesmo”.
A conselleira tamén abordará nesta viaxe o financiamento europeo dirixido ao fomento da vivenda pública. Deste xeito, reunirase mañá tamén en Bruxelas co eurodiputado do Partido Popular Borja Giménez Larraz, poñente de vivenda no Parlamento europeo, para abordar o novo Marco Financiero Plurianual 2028-2034.
Lembrou que Galicia ten unha forte aposta en materia de vivenda tanto en construción como na habilitación do solo “e queremos coñecer cal é o financiamento que existirá para a vivenda e a posibilidade de que sexa transferido directamente a Galicia”.