Álex Fernández completa unha tempada de ensoño e proclamase campeón de Castela e León de karting

ACoruñaXa
O piloto de Arteixo suma este título ao Campeonato Galego conquistado en xullo e cerra 2026 como campeón autonómico en Galicia e Castela e León
ARTEIXO karts
3 Sep 2026

O piloto arteixán Álex Fernández López puxo o broche de ouro a unha tempada excepcional ao proclamarse campión de Castela e León de karting. O título chegou esta pasada fin de semana no circuíto de Kotarr, en Burgos, na última proba do campionato.

Fernández afrontaba a cita decisiva coa intención de pelexar polo título e tivo que superar algunhas dificultades durante a xornada do domingo. O motor empregado na competición non ofreceu o rendemento esperado, polo que o piloto tivo que disputar as carreiras cunha importante desvantaxe de potencia.

A pesar desta circunstancia, o arteixán conseguiu situarse terceiro na sesión de clasificación. Na primeira carreira foi quen de remontar ata a segunda posición, mentres que na segunda e última manga cruzou a meta en terceiro lugar.

Estes resultados permitíronlle sumar os puntos necesarios para facerse co campionato e completar así unha tempada especialmente destacada.

Álex Fernández xa se proclamara campión de Galicia de karting no mes de xullo, despois de dominar a última proba do certame autonómico no circuíto de Outeiro de Rei. Naquela cita asinou a pole, venceu as dúas carreiras e marcou tamén as voltas rápidas de ambas as mangas.

O novo título en Castela e León supón, polo tanto, un dobre éxito autonómico para o mozo piloto de Arteixo, que aos seus 7 anos foi protagonista dunha campaña na que tamén competiu fóra de Galicia para continuar acumulando experiencia.

A súa progresión xa se deixara ver desde o inicio do curso. Na primeira proba do Campionato Xunta de Galicia, disputada en As Pontes, Álex conseguiu a pole e impúxose nas dúas carreiras da categoría Rookie Vortex.

A clasificación oficial do Campionato de Castela e León tamén recolle a presenza de Álex Fernández López, inscrito co Culleredo Karting Team, na categoría Rookie Vortex.

0.17100811004639