Alerta laranxa en A Coruña por temporal costeiro

A Xunta activará o 4 de novembro a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña. Co obxectivo de protexer bens e persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes) trasladou o aviso aos concellos coruñeses afectados, ás deputacións, servizos provinciais, agrupacións de voluntariado de Protección Civil e clubs náuticos.
A Secretaría Xeral para o Deporte suspende a actividade de mar do programa Xogade e a federada nos concellos costeiros da Coruña desde as 09.00 horas do martes ata as 05.00 horas do mércores. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía, o fenómeno adverso comezará pola mañá no noroeste e oeste da costa coruñesa e estenderase pola tarde cara ao suroeste da provincia, con vento do sur de ata forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas que poderían acadar os seis metros.
A Xunta lembra a conveniencia de afastarse da liña de costa (diques, rompentes e paseos marítimos), extremar as precaucións en calquera actividade no mar e revisar cabos e amarres das embarcacións. Recoméndase consultar a web do CIAE 112 Galicia para seguir a evolución e acceder a ligazóns de interese.
Desde Emerxencias insístese en evitar fotografías en zonas de risco, non achegarse a cantís nin espigóns e retirar elementos que poidan desprenderse polo vento en vivendas e instalacións portuarias.