Alerta laranxa dende este martes no litoral costeiro da provincia da Coruña por temporal

ACoruñaXa
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía, haberá vento do suroeste forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas de ata 5 metros
Imaxe dun temporal costeiro na cidade da Coruña
1 Abr 2024

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar paraeste martes, 2 de abril, a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da provincia da Coruña.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde a madrugada de mañá na costa noroeste coruñesa. Haberá vento do suroeste forza 8 e mar combinada do suroeste con ondas de ata 5 metros.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Dende a institución, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112, que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

0.073870897293091