Alegacións municipais contra o proxecto de baterías en Meirás

O Concello de Sada vén de presentar alegacións contra o proxecto de almacenamento de enerxía eléctrica en baterías (BESS) previsto na parroquia de Meirás e que se atopa en tramitación ambiental ante a Xunta. Trátase de dúas instalacións, 'Heliades Sada 1' e 'Heliades Sada 2', cunha potencia de 20 MW cada unha, segundo a documentación incorporada ao procedemento autonómico.
Segundo expón o goberno local, o informe elaborado polos servizos municipais conclúe que as actuacións proxectadas non se axustan á normativa urbanística aplicable. Entre as cuestións sinaladas, o Concello apunta á clasificación do solo das parcelas afectadas e a problemas de accesibilidade nun dos emprazamentos (ao carecer, indica, dun acceso rodado público adecuado), así como ao trazado das liñas de evacuación por ámbitos nos que existirían limitacións ata que se desenvolvan instrumentos previstos no planeamento.
No apartado ambiental, as alegacións céntranse en carencias do estudo presentado pola promotora: o Concello cuestiona que non se analicen alternativas con menor impacto por proximidade a zonas habitadas e pon o foco en aspectos como a avaliación acústica e a análise doutros posibles efectos asociados á actividade.
A tramitación administrativa destas dúas instalacións figurou en información pública no Diario Oficial de Galicia en decembro de 2025, con expedientes PB 12/2024 e PB 13/2024, e coas promotoras Heliades Fotovoltaica 3, S.L. e Heliades Fotovoltaica 4, S.L.
O debate arredor do proxecto xa viña xerando movemento na parroquia. Nas últimas semanas, veciños e veciñas de Meirás promoveron unha recollida de sinaturas e a presentación de escritos, mentres dende o Concello se apuntaba tamén á proximidade das instalacións a vivendas e á necesidade de revisar con detalle cuestións como o ruído e a seguridade.
Co obxectivo de explicar o contido das alegacións e atender dúbidas, o goberno local convoca unha reunión coa veciñanza na Casa do Pobo de Meirás o luns 9 de marzo ás 20.00 horas.