ALAS A Coruña pública o seu manifesto LGTBI de cara as eleccións do 18F
A escasos días para que a campaña electoral das eleccións autonómicas toque ao seu fin, a asociación LGTBI+ ALAS A Coruña quere trasladar ao conxunto da cidadanía as súas 8 demandas, que teñen como nexo de unión a procura na mellora das condicións de vida da comunidade LGTBI+ galega:
1. Actualizar a Lei LGTBI galega para adaptala á lexislación estatal e introducir melloras nesta así como noutra lexislación ou normativa relevante.
2. Garantir o dereito do alumnado a unha educación en diversidade.
3. Formar ao persoal da administración autonómica sobre a realidade LGTBI+.
4. Ofrecer á comunidade LGTBI+ servizos sanitarios públicos e libres de prexuízos, prestando especial atención á saúde mental.
5. Investigar sobre a realidade LGTBI+ da man das universidades públicas e do tecido asociativo.
6. Dotar dos recursos ao asociacionismo LGTBI+ para que este poida levar a cabo o seu traballo.
7. Crear espazos residenciais para o maiores LGTBI+ e reivindicar o seu legado
8. Poñer en marcha puntos de atención á comunidade LGTBI+ en toda Galicia xestionados polo tecido asociativo.
Estas 8 demandas son froito do traballo interno das persoas asociadas a esta entidade, así como da experiencia acumulada ao longo de 13 anos de traballo por e para a comunidade LGTBI+. En palabras da súa presidenta, Ana G. Fernández: “Para as persoas LGTBI+ sempre é importante participar nos procesos electorais para evitar retrocesos nos nosos dereitos. Este domingo o teu voto é clave para garantir unhas políticas sociais progresistas e que garantan a xustiza social”.
O pasado xoves, 8 de febreiro, ALAS A Coruña organizou na sede da Fundación ONCE na Coruña un debate sobre políticas LGTBI+ entre as tres forzas políticas con representación no Parlamento de Galicia: BNG, PPdeG e PSdeG. Durante o mesmo, Iria Carreira (BNG), Gonzalo Trenor (PPdeG) e Aitor Bouza (PSdeG) compartiron co numeroso público as súas propostas en materia de educación, sanidade e políticas do benestar, os tres eixos sobre os que pivotou o debate.