ALAS A Coruña organiza un debate electoral de políticas LGTBI

ACoruñaXa
Celebrárase o xoves 8 de febreiro na Fundación ONCE e intervirán representantes de todos os partidos con representación no Parlamento de Galicia
#AutonómicasLGTBI
2 Feb 2024

A Asociación ALAS A Coruña organiza un debate en torno ás propostas en materia de dereitos LGTBI+ dos partidos con representación no Parlamento de Galicia de cara á cita coas urnas o 18 de febreiro. Este debate terá lugar no salón de actos da Fundación ONCE da Coruña o xoves, 8 de febreiro ás 19.30 horas.

O debate xirará entorno a tres temas: a educación en diversidade, os servizos da sanidade pública en relación ás persoas LGTBI+ e as políticas públicas e do benestar vencelladas a esta comunidade. Ademais, o público asistente terá a oportunidade de formular preguntas ás representantes dos partidos e estas últimas contarán, ao final do acto, cun “minuto de ouro”.

Dende a asociación confirma que todos os partidos con representación no Parlamento de Galicia aceptaron o convite para participar no debate e estarán representados por:

  • Iria Carreira, nº6 da lista do BNG pola provincia da Coruña.
  • Gonzalo Trenor, nº10 da lista do PPdeG pola provincia da Coruña.
  • Aitor Bouza, nº4 da lista do PSdeG pola provincia da Coruña.

A asociación busca con este debate situar na axenda lexislativa do novo parlamento galego os temas que preocupan á comunidade LGTBI+. Coa celebración do debate na sede da Fundación ONCE, a entidade quere deixar patente a necesidade de traballar dun xeito interseccional entre organizacións sociais.

En palabras da presidenta de ALAS A Coruña, Ana G. Fernández: "A comunidade LGTBI+, ao igual que outros colectivos vulnerables, ten que participar masivamente o 18F para garantir uns bos servizos públicos que non deixen a ninguén desamparado” igualmente afirmou que “A lei LGTBI estatal obriga ao próximo goberno da Xunta a adaptar a lexislación propia para garantir o benestar dunha parte da cidadanía moi esquecida".

0.18990898132324