ALAS A Coruña concede o premio Marcela y Elisa á enfermeira Fina Baliñas pola abordaxe das ITS
A asociación LGTBI+ ALAS A Coruña acorda conceder o XX premio Marcela e Elisa á enfermeira Fina Baliñas pola abordaxe do VIH e outras ITS desde os coidados, así como o seu firme compromiso cunha sanidade pública, de calidade e libre de estigmas.
ALAS A Coruña concede desde o 2015 estes galardóns, herdanza do desaparecido colectivo Milhomes. Cos mesmos, a asociación busca visibilizar o traballo de persoas ou entidades en favor dos dereitos da comunidade LGTBI+. O Comité ANTISIDA da Coruña (CASCO), a compañía de teatro A Panadaría ou o libreiro e activista coruñés Fran Barcia figuran na lista de homenaxeados.
En máis de dúas décadas de historia, este premio nunca recaera nunha persoa do ámbito sanitario. Con este Marcela e Elisa, ALAS A Coruña quere reivindicar a importancia do sistema sanitario público como piar fundamental do Estado do Benestar. A xuízo da presidenta desta entidade, Ana G. Fernández: “Fina Baliñas, como pioneira na nosa cidade na atención a persoas con VIH/SIDA desmontou prexuízos sobre o estigma asociado a esta infección e foi unha firme defensora da importancia e coidado da saúde sexual”.
O xurado destes premios tamén valorou a calidade humana desta profesional da enfermería, xa xubilada, ao longo da súa dilatada carreira; así como a súa aposta por unha abordaxe social de problemáticas de saúde pública como o chemsex ou a súa preocupación pola saúde mental dos seus pacientes.
A entrega do Marcela e Elisa a Fina Baliñas terá lugar o sábado, 8 de xuño ás 12.30 no Espazo Cultural Galgo Azul (Avenida dá Gramela 16) e estará amenizado polo cantante coruñés, O Flop.