Afundación e a Sinfónica de Galicia repasan 300 anos de música de cámara nun ciclo de 9 concertos ata xuño

GaliciaXa | ACoruñaXa
A primeira sesión será o 28 de outubro e estará dedicada á música barroca e contará co Ensemble Barroco e Clásico da orquestra
Música de cámara 2026 2027 A Coruña
20 Oct 2026

Afundación e a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) presentaron o ciclo 'Música de Cámara 2026-2027', unha programación que percorrerá tres séculos de repertorio camerístico ao longo de 9 concertos. As citas celebraranse na Sede de Afundación na Coruña entre este mes de outubro e xuño do vindeiro ano.

A primeira sesión terá lugar o mércores 28 de outubro e estará centrada na música barroca, cun programa que se achega ao contexto musical do Madrid ilustrado da segunda metade do século XVIII. Neste concerto inaugural actuará o Ensemble Barroco e Clásico da Sinfónica de Galicia. O prazo para mercar o abono completo esténdese ata o 25 de outubro.

Ao longo das nove citas, todas as actuacións correrán a cargo de distintas agrupacións formadas por músicos da propia orquestra, varias delas con traxectorias que se achegan ás tres décadas de existencia. O público poderá gozar de formacións de pequeno formato, como tríos, cuartetos e ensembles de vento e corda, integradas por solistas da OSG que en moitos casos levan anos —e mesmo décadas— traballando xuntos arredor de estéticas musicais moi definidas.

Entre as agrupacións que participarán no ciclo destacan proxectos de longa traxectoria e recoñecido prestixio, como o Grupo Instrumental Siglo XX, o Grupo Untía e o propio Ensemble Barroco e Clásico da OSG, ademais de formacións como o Cuarteto de Cuerdas Schubert, o Trío Ecos del Atlántico ou Ekléctika Ensemble, entre outras.

O plantexamento do ciclo propón un percorrido sonoro que arrinca na elegancia do barroco e o clasicismo ilustrado e chega ata as vangardas do século XX e a creación contemporánea. Este enfoque permitirá abordar, con rigor e personalidade propia, repertorios tan diferentes entre si como a música cortesá española, o gran romanticismo europeo ou as partituras máis esixentes da actualidade.

Vencellado ao programa 'Cultura por alimentos'

Este ciclo, impulsado conxuntamente por Afundación e a Orquestra Sinfónica de Galicia, enmárcase dentro da iniciativa solidaria 'Cultura por alimentos', posta en marcha pola Obra Social de ABANCA xunto coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). As persoas que asistan aos concertos poden colaborar aportando alimentos non perecedoiros, que se depositan nos colectores habilitados no acceso ao teatro. Estes produtos destinaranse posteriormente a familias da contorna que se atopen en risco de exclusión social.

0.15836095809937