Afagan denuncia a eliminación do termo "familia numerosa" na nova Lei de Familias
A Asociación Galega de Familias Numerosas AGAFAN reuniuse o martes coa Conselleira de Política Social e Mocidade en funcións, Fabiola García, para pedir o seu apoio en contra da supresión do nome e título de familia numerosa na Lei de Familias que proximamente levará ao Congreso para a súa aprobación.
Dende a asociación de familias numerosas critican que non se contase con eles e que non se tivese en conta o seu criterio á hora de implementar os cambios. "Non entendemos que se manteña o título de familias monoparentais, que nos parece correcto, pero que se suprima o de familias numerosas", asegurou o presidente de Agafan, Luis Sánchez, durante o encontro no que asegurou que a nova lei ten aspectos positivos pero outros moitos "prexudiciais".
Na reunión estivo presente ademais o Director Xeral de Familia, Jacobo Rey. Por parte de AGAFAN asistiu o seu presidente Luis Sánchez e vicepresidente e presidente da FEFN, José Manuel Trigo.
Pola súa banda, Fabiola Martinez trasladou o apoio da Xunta de Galicia "ante desprezo do Goberno central na futura Lei de familias". Segundo explicou, "esta normativa trata de erradicar o traballo e o consenso social conseguido coas familias numerosas ao longo dos anos ao eliminar o concepto do texto".
Fabiola García denunciou que o Goberno central non tivo en conta ás Comunidades Autónomas na elaboración desta normativa, a pesar de que invade competencias autonómicas. Así, lamentou que a Xunta teña que coñecer polos medios de comunicación o seu contido e non se teña en conta a súa opinión, a pesar de incorrer en erros como obviar a un colectivo tan importante como o das familias numerosas, que agrupa en Galicia a máis de 27.000 fogares.
A conselleira en funcións destacou que se trata dunha lei ideolóxica e decepcionante o non cumprir coas principais promesas realizadas polo Goberno central neste ámbito. Neste sentido, sinalou que chama a atención o anuncio da gratuidade das escolas infantís só para as familias monoparentais e só durante catro meses. Unha medida que xa vén aplicando en Galicia desde hai dous cursos para todas as familias e durante toda a etapa de 0 a 3 anos. Ademais, sinalou que non parece que este anuncio vaia a traer aparellados máis recursos xa que en 2024 o Goberno central ha renunciado a presentar Orzamentos Xerais do Estado.
Durante a reunión a conselleira lembrou que o Goberno galego segue apoiando a todas as familias galegas, sexan da tipoloxía que sexan, con medidas como a nova dedución fiscal no IRPF que xa se aplicará na declaración da renda deste ano ou o novo título dixital que amplía a súa vixencia ata os 26 anos do fillo menor reducindo así a carga burocrática destas familias.