Afaco abre un novo centro terapéutico na Coruña na zona de San Diego

ACoruñaXa
O espazo situado na rúa Vales Villamarín 53 está destinado a pacientes con deterioración cognitiva leve e funciona de luns a venres en horario de mañá e tarde
Imaxe do novo centro de Afaco na Coruña
8 Xul 2024

Nestes primeiros días de xullo abriu as súas portas un novo centro terapéutico de Afaco (Asociación de Familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias afíns) situado no número 53 da rúa Vales Villamarín. O obxectivo deste servizo é mellorar a calidade de vida de persoas con demencia e as súas familias, para potenciar a súa autonomía e manter as capacidades cognitivas durante o maior tempo posible.

Deseñado desde a experiencia na aplicación de técnicas de estimulación para persoas afectadas por demencias (tipo Alzheimer ou outra), este centro funcionará de luns a venres, en horario de mañá e tarde. Poderanse contratar sesións desde hora e media e a partir de dous días á semana, e as persoas con axudas á dependencia concedidas poderían ter bonificación no programa.

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer da Coruña é unha organización sen ánimo de lucro que conta na actualidade con tres centros de atención a persoas con demencias en diferentes fases. Trátase dos centros de día do Barrio das Flores, San Diego e Salvador de Madariaga, e o centro terapéutico novo de Vales Villamarín.

Entre os centros xestionados, en colaboración co concello e a Xunta de Galicia, e outros programas en colaboración con entidades ou concellos, aténdese na actualidade a uns 200 usuarios.

 

0.20021891593933