Aena veta temporalmente os fogos artificiais na contorna de Alvedro polo peche de Lavacolla

As festas e celebracións da primavera na área coruñesa terán este ano un contratempo engadido. Aena comunicou unha restrición temporal para autorizar actividades especiais, entre elas os fogos artificiais, os voos de drons ou o lanzamento de faroliños, na zona de servidume do aeroporto de Alvedro entre o 23 de abril e o 27 de maio, coincidindo co peche total do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro por obras de renovación da pista.
A medida xa tivo a súa primeira consecuencia visible en Arteixo. As festas de Meicende, Borroa e Nostián, previstas para o 30 de abril e o 1, 2 e 3 de maio, manterán a súa programación, pero sen a tradicional sesión de fogos artificiais do sábado á noite ao non poder obter autorización.
O impacto, porén, vai máis alá dun único concello. Segundo os primeiros casos coñecidos no sector, a restrición alcanza tamén a outras celebracións e eventos privados programados en Carral, Oleiros e Culleredo, ademais de Arteixo. O alcance exacto depende da localización de cada acto dentro da área afectada por Alvedro, polo que non se descarta que poida repercutir noutras citas festivas da comarca durante esas cinco semanas.
A decisión responde ao aumento de operacións que asumirá o aeroporto coruñés mentres dure o peche de Lavacolla. Con este escenario, moitas comisións de festas e organizadores de eventos vense obrigados a reformular os seus programas en plena antesala da tempada alta das celebracións populares.