Adxudicadas as obras do valado perimetral do Castro de Elviña, primeiro paso para reforzar a súa posta en valor

O Concello da Coruña vén de adxudicar as obras para instalar o valado perimetral do Castro de Elviña, unha actuación que se presenta como a primeira fase dun plan máis amplo para impulsar a posta en valor do xacemento arqueolóxico máis relevante da cidade.
Os traballos consistirán na colocación dun sistema de peche cunha lonxitude total próxima aos 1.500 metros. A obra foi adxudicada á construtora López Cao, cun orzamento de 322.000 euros e un prazo de execución de catro meses. Antes do inicio efectivo das intervencións, o Concello prevé a realización do estudo arqueolóxico correspondente.
Dende o goberno municipal enmarcan o valado como unha medida para mellorar a seguridade do recinto e facilitar un control máis eficaz dos accesos, ao tempo que se busca impedir a entrada de fauna no xacemento.
En paralelo, o Concello avanza na creación dun centro de apoio ás actividades arqueolóxicas, cuxo proxecto foi aprobado nos últimos meses e contará cun investimento de 330.000 euros. Segundo explicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, trátase dun equipamento de escala reducida pensado para dar soporte ás futuras escavacións e, á vez, funcionar como punto de información e recepción de visitantes.