Adxudicadas as obras de demolición do esqueleto urbanístico do Martinete, que comezarán antes de fin de ano
O Concello da Coruña adxudicou á empresa Hércules Diggers S.L. as obras de demolición do esqueleto urbanístico situado no barrio do Martinete, unha estrutura abandonada que leva máis de 15 anos sen finalizar. Os traballos comezarán antes de que finalice o ano e espérase que estean completados no primeiro trimestre de 2025.
A estrutura, situada entre as rúas Mozart e #Luis Peña Novo, empezouse a construír durante a crise financeira de 2008. Con todo, a propiedade nunca completou as obras necesarias para facer accesibles as vivendas, deixando o edificio inacabado. Co tempo, a estrutura deteriorouse significativamente, ata o punto de que se declarou ilegalizable, converténdose nun foco de insalubridade e perigo para os veciños.
O esqueleto ocupa un solar de máis de 1.100 metros cadrados e a súa progresiva deterioración xerou preocupación na comunidade. “A propiedade non cumpriu coas súas obrigacións: nin finalizou a construción para permitir o acceso ás vivendas, nin se responsabilizou de rehabilitar e manter a estrutura”, explicou o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego.
#Ante a falta de resposta por parte da propiedade e tras avaliar o estado do edificio, o Goberno municipal decidiu proceder á demolición a través da execución subsidiaria. A licitación das obras foi aprobada en Xunta de Goberno Local o pasado maio, cun investimento superior aos 773.000 euros. Agora, o Concello avanza nos trámites necesarios para levar a cabo esta intervención, que deberá completarse nun prazo máximo de catro meses tras o seu inicio.
Con esta acción, o goberno de Inés Rey continúa o plan de melloras no Martinete e a súa contorna. Ademais da demolición, está a levarse a cabo a primeira fase da reurbanización da rúa Manuel Ferrol, nas proximidades do residencial do Birloque, cun investimento superior ao medio millón de euros.