ADOS chama a doar sangue esta semana na Coruña, Arteixo, Cambre e Oleiros polo festivo do 24 de xuño

ACoruñaXa
As reservas dos grupos A positivo e Cero positivo están en niveis baixos, aínda que a Axencia lembra que son necesarias doazóns de todos os grupos sanguíneos
BUS DOAZÓN SANGUE
22 Jun 2026

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) reforza esta semana a súa actividade con motivo do festivo do 24 de xuño, unha data que pode afectar ás reservas de compoñentes sanguíneos nos hospitais galegos.

Entre os concellos da área, as unidades móbiles pasarán este luns 22 de xuño polo Temple, en Cambre, e por Santa Cruz, en Oleiros. O martes 23 será posible doar en Arteixo e no barrio das Conchiñas, na Coruña.

A actividade continuará o xoves 25 na cidade da Coruña, con presenza no Cantón-Obelisco e no barrio de Monte Alto. Xa o sábado 27, a unidade móbil estará no Centro Comercial Marineda City.

ADOS lembra que cada día fan falta arredor de 400 doazóns de sangue para garantir a actividade asistencial dos hospitais galegos. Esta semana presentan niveis baixos os grupos A positivo e Cero positivo, aínda que a chamada está dirixida a persoas de todos os grupos sanguíneos.

A campaña de verán, baixo o lema 'Un alento de vida', levará as unidades móbiles a máis de 170 concellos galegos durante os próximos meses.

0.12259101867676