Administracións, empresas e política debaterán na Coruña o futuro da contratación pública

GaliciaXa | ACoruñaXa
A Deputación da Coruña celebrará os días 16 e 17 de xuño a terceira edición do encontro no Paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña
DIPU CORU contratación publica
3 Jun 2026

A Coruña converterase os días 16 e 17 de xuño nun punto de encontro para profesionais, persoal técnico, empresas, representantes políticos e especialistas do ámbito xurídico coa celebración do III Congreso de Contratación Pública da Deputación da Coruña.

O encontro desenvolverase no Paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña baixo o lema 'A contratación pública ao servizo da sociedade. O círculo necesario: Administración, empresa e política'. A cita busca analizar os retos actuais dun ámbito clave para o funcionamento das administracións e para a prestación dos servizos públicos.

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas, presentou este mércores o congreso e destacou a necesidade de avanzar cara a modelos de contratación máis eficaces, innovadores e orientados ao interese xeral. Segundo sinalou, a contratación pública debe funcionar tamén como unha ferramenta estratéxica para impulsar políticas con impacto na economía, no emprego, na sustentabilidade e na igualdade de oportunidades.

Durante dúas xornadas, o programa reunirá a máis dunha trintena de especialistas de referencia no sector. As mesas de debate e os relatorios abordarán cuestións como a dixitalización dos procedementos, a innovación na administración, a colaboración entre o sector público e o privado e a procura de fórmulas máis áxiles, eficientes e transparentes.

O congreso tamén pretende poñer o foco no papel da contratación pública como motor do tecido económico local. A Deputación defende que unha boa planificación dos contratos pode contribuír a xerar emprego de calidade, fortalecer empresas do territorio e mellorar a resposta das administracións ás necesidades da cidadanía.

A participación no III Congreso de Contratación Pública será gratuíta, aínda que será necesaria inscrición previa. Coa súa terceira edición, a cita consolídase como un foro de debate especializado sobre un dos instrumentos máis importantes da xestión pública.

0.12849593162537