ADEGA organiza esta semana na Coruña as xornadas ‘As mulleres gardiás da ría e do mar’

ACoruñaXa
O encontro incluirá unha mesa redonda e un roteiro pola ría do Burgo para poñer en valor o papel das mulleres no sector marítimo, con actividades gratuítas o 19 e 20 de outubro
Presentación de 'As mulleres gardiás da ría e do mar'
16 Out 2024

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, presentou hoxe no Palacio de María Pita as xornadas ‘As mulleres gardiás da ría e do mar’, organizadas pola asociación ecoloxista ADEGA. As xornadas desenvolveranse a vindeira fin de semana e contarán cunha mesa redonda e unha ruta pola ría do Burgo. O sábado 19, ás 11:00 horas, terá lugar a mesa redonda na Asociación Cultural Alexandre Bóveda, reunindo a seis mulleres cuxa vida e traballo están ligadas ao mar. O domingo 20 de outubro, ADEGA organiza unha ruta pola ría do Burgo para descubrir esta zona de produción marisqueira e a súa biodiversidade. Ambas actividades son de balde.

“Con estas xornadas, a través dos testemuños de seis mulleres que dedican a súa vida ao mar desde diferentes perspectivas, o Goberno de Inés Rey busca poñer en valor o traballo das mulleres galegas: desde oficios tradicionais como as redeiras ou mariscadoras ata o seu actual papel como empresarias ou educadoras e divulgadoras ambientais”, sinalou Neira.

Na presentación das xornadas, a concelleira estivo acompañada por Xandro García, voceiro de ADEGA - A Coruña, e as relatoras Teresa Ramiro, mariscadora da ría do Burgo, e Mercedes Bernal, secretaria da Confraría de pescadores da Coruña entre 1990 e 2024. Ambas participarán nas conferencias do sábado xunto a outras catro traballadoras ligadas ao sector do mar e á loita medioambiental: Sandra Amezaga (secretaria da Asociación Mulleres Salgadas), María Ballesteros (responsable de educación e voluntariado en Surfrider Foundation), Ángela Cortina (secretaria técnica para as flotas de grande altura de ARVI) e Itziar Díaz (educadora ambiental de ADEGA).

Para completar as xornadas, o domingo 20 de outubro, tamén ás 11:00 horas, ADEGA organizará unha ruta pola ría do Burgo. Este percorrido guiado non só permitirá coñecer a biodiversidade local, senón que tamén será unha oportunidade para reflexionar sobre as ameazas que enfrontan estes ecosistemas e a urxencia de protexelos. Esta ruta é de balde, mais cómpre inscribirse previamente na web de ADEGA.

Estas xornadas inscríbense na colaboración que mantén o Concello da Coruña con ADEGA, a máis veterana das asociacións ecoloxistas galegas que o próximo ano cumprirá 50 anos.

0.2009608745575