ADEGA denuncia que máis do 90% dos residuos de SOGAMA acaba en vertedoiros ou na incineración

Cúmprense 30 anos da catástrofe do vertedoiro de Bens, un dos episodios máis graves relacionados coa xestión dos residuos en Galicia. O derrube produciuse o 10 de setembro de 1996 e provocou que unhas 200.000 toneladas de lixo se desprendesen pola ladeira do monte ata chegar ao mar, arrasando vivendas, vehículos e causando vítimas.
Tres décadas despois, ADEGA considera que o modelo de tratamento dos residuos continúa afastado dos obxectivos marcados pola normativa europea e estatal. A organización ecoloxista pon o foco especialmente no sistema de SOGAMA, onde a incineración e o depósito en vertedoiro seguen sendo, con diferenza, os principais destinos dos residuos.
Segundo os datos facilitados por ADEGA, máis do 90% do lixo que chega ás instalacións de SOGAMA remata sendo incinerado ou depositado en vertedoiros, mentres que a recuperación de materiais para a reciclaxe permanece por debaixo do 8%.
A situación contrasta coa evolución doutras infraestruturas postas en marcha nas últimas décadas. No ano 2000 comezaron a funcionar a planta de Nostián, baseada na compostaxe e a reciclaxe, e a planta de SOGAMA en Cerceda, centrada na incineración e acompañada dunha pequena instalación para a recuperación de envases.
O macrovertedoiro da Areosa supera xa os sete millóns de toneladas
A catástrofe de Bens tamén marcou un punto de inflexión na política de residuos da Coruña. O antigo vertedoiro, que recibía arredor de 125.000 toneladas anuais desde 1980, era un depósito incontrolado situado na ladeira do monte de Bens.
No momento do accidente acumulaba aproximadamente dous millóns de toneladas de residuos. A presión social xerada pola traxedia levou o Concello da Coruña a impulsar un modelo baseado na reciclaxe e na compostaxe, que deu lugar á planta de Nostián.
Mentres tanto, en 1995 comezara a funcionar o vertedoiro da Areosa, en Cerceda, vinculado a SOGAMA. Ao peche de 2025 xa acumulara 6.849.073 toneladas de residuos. Co ritmo actual, ADEGA sinala que este depósito xa superou os sete millóns de toneladas, converténdose no maior macrovertedoiro existente en Galicia.
As plantas de compostaxe apenas aproveitan a súa capacidade
Un dos aspectos que máis preocupa á organización ecoloxista é o reducido uso das instalacións destinadas á compostaxe da materia orgánica.
A planta de compostaxe situada no complexo de SOGAMA en Cerceda tratou en 2025 unicamente 2.322 toneladas de residuos, aproximadamente o 15% da súa capacidade. As outras tres plantas construídas no ámbito de SOGAMA, situadas en Vilanova de Arousa, Cervo e Verín, trataron conxuntamente outras 2.132 toneladas.
Entre as catro instalacións existe unha capacidade total para tratar 21.000 toneladas anuais. Porén, segundo os cálculos de ADEGA, durante 2025 empregouse só o 10,2% desa capacidade.
A organización considera que este ritmo é insuficiente para cumprir os obxectivos de recuperación da materia orgánica establecidos pola normativa. Ademais, estima que a capacidade actual destas plantas representa apenas arredor do 10% da fracción orgánica xerada no ámbito de SOGAMA.
Neste contexto, ADEGA advirte de que será moi difícil alcanzar os obxectivos de valorización total previstos, que pasan por chegar ao 55% en 2025, ao 60% en 2030 e ao 65% en 2035.
A compostaxe doméstica tamén perde peso
A organización tamén cuestiona a evolución da compostaxe doméstica e comunitaria. Durante os últimos anos, SOGAMA viña situando en arredor de 2.000 toneladas anuais a materia orgánica tratada mediante este sistema, aínda que ADEGA asegura que non coñece o método empregado para calcular esa cifra.
No informe correspondente a 2025, esta cantidade deixou de aparecer, polo que a súa contribución xa non figura contabilizada nos datos presentados.
No caso de Nostián, ADEGA lembra que a instalación superaba en 2022 o 30% de reciclaxe. Desde entón, a organización asegura non ter acceso á evolución dos datos da planta e considera posible que os resultados se reducisen tras a introdución do contedor de envases.
ADEGA anunciou que solicitará ao Concello da Coruña os datos correspondentes ata 2025 para coñecer a evolución do sistema, ao tempo que critica que aínda non estea resolto o concurso para a renovación da planta de Nostián.