Acordo unánime en Culleredo para actualizar a regulación laboral do persoal municipal

O Concello de Culleredo pechou un acordo unánime cos catro sindicatos con representación para aprobar a nova regulación do persoal municipal, un paso que permitirá actualizar unhas condicións laborais que se rexían por un texto vixente desde 2012.
O pacto inclúe dúas pezas: o acordo negociado para o persoal funcionario e o convenio colectivo do persoal laboral. Ambos os documentos foron asinados polos representantes de UGT, CCOO, CIG e da Agrupación de Funcionarios de Culleredo, tras meses de traballo na Mesa de Negociación.
As conversas desenvolvéronse coa participación da concelleira de Recursos Humanos, Marta Figueroa, representación sindical e persoal técnico municipal. Segundo trasladou o goberno local, trátase da primeira vez que se acada un consenso total e que todas as organizacións rubrican estes acordos.
O seguinte paso será a súa ratificación no pleno da corporación, antes da inscrición correspondente e da entrada en vigor. O novo marco regulador establece, entre outras cuestións, aspectos vinculados á organización do traballo, dereitos e deberes, xornada, calendario laboral e condicións xerais do persoal.
Figueroa destacou a disposición das partes para chegar a unha solución pactada e sinalou que o acordo contribuirá a mellorar o funcionamento diario dos servizos públicos no municipio.