Acometen a restauración da porta principal do cemiterio de San Amaro

ACoruñaXa
Os traballos restaurarán o patrimonio histórico con métodos tradicionais de forxa e recuperarán os elementos orixinais da estrutura
Imaxe da porta do Cemiterio de San Amaro
15 Jan 2025

O Concello de A Coruña deu comezo ás obras de restauración da porta principal do cemiterio municipal de San Amaro, un dos elementos máis significativos do patrimonio histórico da cidade. Esta porta, inaugurada en 1833 tras a primeira ampliación do camposanto, foi deseñada para mellorar o acceso á zona, que se viña ampliando debido ao aumento da mortalidade provocado por un brote de cólera e a prohibición de enterramentos nas parroquias.

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, destacou a importancia de conservar o patrimonio histórico e a arquitectura da cidade, subliñando que "o Goberno de Inés Rey é consciente da importancia de intervir no patrimonio para garantir a súa conservación". A porta, realizada en ferro forxado, conta cun deseño de dúas follas, mainel e arco superior, con dimensións de 2,45 metros de ancho e 4,40 metros de alto. Está empotrada nun pano de cachotería e un marco de cantería con frontón triangular e detalles decorativos como escudos, inscricións e pináculos.

Os traballos de restauración da porta realizaranse con métodos tradicionais de forxa e contarán coa colaboración de dous oficios: ferreiros artesáns, que se encargaran da cerrallería, e canteiros e restauradores, que realizarán os traballos de restauración da cantería. Actualmente, a porta foi trasladada ao taller dos ferreiros que se encargarán de solucionar problemas de corrosión, deslaminación e roturas, así como de reparar flexións indebidas na estrutura.

A empresa adxudicataria dos traballos, Forxa Chago, que dirixe o mestre ferreiro compostelán Santiago Martínez, recibiu recentemente o III Premio 'Arquitectura para un mundo mellor' do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) por súas intervencións en monumentos históricos, como a Catedral de Santiago. A restauración está orzamentada en 44.737,81 euros (IVA incluído) e está previsto que os traballos finalicen en dous meses.

0.15928983688354