Acesada renova a súa directiva e abre unha nova etapa de apoio ao comercio local de Sada

ACoruñaXa
A asociación de comerciantes e empresarios de Sada mantén a Irene Ventura na presidencia e propón colaborar na sinalización provisional de beirarrúas deterioradas para mellorar a seguridade e a imaxe urbana
SADA directiva acesada
23 Apr 2026

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sada iniciou unha nova etapa tras a renovación da súa Xunta Directiva, nun proceso que aposta pola continuidade nos principios que viñeron marcando a traxectoria da entidade. Irene Ventura continuará á fronte da presidencia, acompañada por Rubén Pedreira na vicepresidencia, María Bernardo na secretaría, Tatiana Buján na tesouraría e Verónica Prieto como vogal.

A nova directiva quixo lanzar unha mensaxe de continuidade aos asociados, á veciñanza e ás institucións, reafirmando o carácter independente, aberto e apolítico de ACESADA. A entidade subliña que manterá o foco na defensa dos intereses do comercio local, na dinamización económica e na mellora do entorno urbano.

Entre as primeiras medidas respaldadas por unanimidade polos socios figura a proposta de colaborar co Concello para identificar e sinalizar de maneira provisional aquelas beirarrúas que presenten desperfectos ou un mal estado de conservación. A idea pasa por empregar un spray fluorescente, biodegradable e antiesvarante que permita facer máis visibles os puntos deteriorados.

Con esta iniciativa, ACESADA busca, por unha banda, previr caídas e posibles accidentes e, por outra, facilitar a detección destas incidencias para axilizar a súa posterior reparación. A asociación considera que un espazo público coidado, accesible e seguro repercute de maneira directa na actividade comercial, na hostalaría, nos servizos e no conxunto da cidadanía.

A renovada Xunta Directiva tamén amosa a súa disposición a colaborar coas administracións, cos colectivos sociais e coa veciñanza desde o respecto, o diálogo e a cooperación. Con este novo mandato, ACESADA asegura que seguirá escoitando aos seus socios co obxectivo de contribuír a un comercio local máis forte, moderno e unido.

0.13216519355774