Acea de Ama estrea unha renovación de 2,15 millóns de euros e prepara máis melloras para 2027

O complexo deportivo de Acea de Ama, en Culleredo, abrirá o próximo luns os seus renovados espazos tras completar a primeira fase dun ambicioso proxecto de modernización. A actuación supuxo un investimento de 2,15 millóns de euros e permitiu renovar instalacións, equipamentos e diferentes zonas interiores do recinto.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou este venres o resultado dos traballos acompañado polo secretario xeral para o Deporte, Roberto García. A actuación busca mellorar o confort, a seguridade, a accesibilidade e as posibilidades de uso dun complexo que conta con aproximadamente 9.500 persoas usuarias.
Un dos cambios máis destacados atópase na sala de musculación e fitness, que foi ampliada e remodelada e incorpora nova maquinaria deportiva conectada a un software que permitirá realizar un seguimento das rutinas de adestramento. Tamén se habilitou un novo circuíto de exercicio e renováronse as salas destinadas ás actividades dirixidas, que contan agora con novo material.
O complexo reforzará ademais o persoal da sala fitness para ofrecer asesoramento sobre o funcionamento dos novos equipamentos e ampliar a oferta de actividades dirixidas.
Máis accesibilidade e novas instalacións
A reforma tamén actuou sobre os accesos ao recinto. Creouse unha nova rampla, trasladouse o acceso principal á planta baixa e habilitouse unha nova recepción con zona de atención ao público e control de accesos.
A renovación inclúe igualmente nova sinalización, pantallas informativas e un sistema de megafonía.
No apartado técnico, modernizouse a instalación eléctrica, substituíronse as luminarias por tecnoloxía LED e renováronse a sala de caldeiras e os sistemas de climatización. Tamén se actualizaron os sistemas de protección contra incendios e se repararon as cubertas.
Unha segunda fase de 2 millóns de euros
A modernización de Acea de Ama non rematará con esta primeira intervención. A Xunta prevé executar unha segunda fase cun investimento aproximado de 2 millóns de euros, unha vez obtidas as correspondentes licenzas administrativas.
Esta actuación permitirá renovar as fachadas e os vestiarios, mellorar as zonas exteriores e reorganizar a área de calistenia. Tamén está prevista a remodelación das pistas de pádel e tenis, así como intervencións no parque exterior e nas instalacións do soto.
O proxecto contempla ademais ampliar a superficie destinada á práctica deportiva e introducir melloras na produción e distribución de auga quente e no funcionamento e tratamento das piscinas.
A previsión é que esta segunda fase estea rematada durante o verán de 2027, completando así a transformación do complexo deportivo.
A Xunta, a través da Fundación Deporte Galego, mantén tamén a supervisión do recinto e do seu parque natural e deportivo. Para as tarefas de control, limpeza, mantemento e xardinería existe un contrato específico cun orzamento de máis de 815.000 euros anuais.