Abren as inscricións para obter o título oficial de monitor de tempo libre en Betanzos

As persoas interesadas en traballar no ámbito da educación non formal e das actividades de lecer xa poden inscribirse no novo curso oficial de monitor de tempo libre que se impartirá en Betanzos entre o 26 de setembro e o 19 de decembro. A formación permitirá obter a titulación oficial necesaria para exercer como profesional neste sector.
O curso desenvolverase no Espazo Xove de Betanzos e será impartido pola Escola de Tempo Libre Fervenza. O programa consta de 350 horas, distribuídas en 200 horas de formación teórica (170 presenciais e 30 en liña) e 150 horas de prácticas, seguindo os requisitos establecidos para a obtención da titulación oficial.
As sesións presenciais celebraranse durante varias fins de semana entre setembro e decembro, mentres que a parte en liña permitirá ao alumnado completar 30 horas de traballo a distancia ao longo do curso.
Para participar é necesario ser maior de idade e contar, como mínimo, co título da ESO ou unha titulación equivalente. O prezo da matrícula é de 280 euros, aínda que a organización informa de que existen descontos para determinados colectivos.
Desde a OMIX de Coirós animan á mocidade da comarca e ás persoas interesadas en desenvolver a súa carreira profesional no ámbito do tempo libre, os campamentos, as actividades xuvenís ou a educación ambiental a aproveitar esta oportunidade formativa. As inscricións e toda a información poden solicitarse a través da Escola de Tempo Libre Fervenza ou do Espazo Xove de Betanzos.