Abre o prazo para solicitar as bolsas formativas do IGAFA e o CIMA

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
Esas iniciativas enmárcanse na estratexia da Consellería do Mar de apoio ao talento e á especialización na cadea mar-industria e poderán formalizar a inscrición a partir deste xoves, 4 de xuño
Pesca-fotos-barcos-baixura-3
3 Jun 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica as convocatorias de bolsas de formación impulsadas pola Consellería do Mar, dirixidas a favorecer a capacitación práctica e a inserción laboral de titulados de Formación Profesional no ámbito da acuicultura e da investigación mariña. Estas iniciativas enmárcanse na estratexia da Xunta de apoio ao talento e á especialización na cadea mar-industria.

Os interesados terán un mes de prazo para formalizar a inscrición, contado a partires de deste xoves, 4 de xuño, tal e como recolle a orde que rexe estes apoios e que se pode consultar na seguinte ligazón xunta.gal.

En total, ofértanse 10 bolsas formativas, 4 de prácticas para o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) e 6 para persoal auxiliar de investigación mariña no Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA).

No primeiro caso, as persoas seleccionadas realizarán prácticas de xestión e produción de cría de bivalvos e deberán estar en posesión dalgún dos títulos que ofrecen os centros formativos situados en Galicia, como técnicos medios en Operacións de Cultivo Acuícola, técnicos medios en Cultivos Acuícolas, técnicos superiores en Produción Acuícola e técnicos superiores en Acuicultura. Polo que respecta ás bolsas do Cima, estas afondan no compromiso coa captación e retención de talento científico. A elas poderán optar os titulados en ciclos formativos de grao medio e superior.

0.11557197570801