Abre o prazo para inscribirse como figurante na Cabalgata de Reis da Coruña

O Concello da Coruña abriu este luns, 16 de decembro, o prazo para inscribirse como figurante na Cabalgata de Reis, que terá lugar na tarde do 5 de xaneiro. Esta convocatoria está dirixida a menores de idade que, a 31 de decembro de 2024, teñan entre 7 e 11 anos.
O número máximo de prazas ofertadas será de 250, o que supón un incremento de 15 prazas respecto ao ano pasado. O número exacto determinarase unha vez finalice o proceso de adxudicación. Esta iniciativa ten como obxectivo implicar aos nenos e nenas da cidade nunha das celebracións máis esperadas das festas do Nadal, segundo destacou o Goberno de Inés Rey.
O período de inscrición estará aberto desde este luns 16 ás 9.00 horas ata o mércores 18 ás 14.00 horas. As solicitudes deberán realizarse a través do formulario habilitado na páxina web municipal. O sorteo para asignar as prazas realizarase o 20 de decembro e a listaxe de seleccionados publicarase ese mesmo día.
As persoas seleccionadas participarán nas distintas carrozas municipais, incluídas as das súas maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar, así como nos trens da comitiva. Un dos trens terá carácter solidario e quedará excluído do sorteo.
As persoas seleccionadas deberán presentar a inscrición cuberta e asinada, xunto coas normas de participación, entre o 26 de decembro e o 2 de xaneiro no Coliseum, en horario de 16.30 a 20.30 horas. Ademais, recibirán toda a documentación e as instrucións necesarias para a súa participación na Cabalgata.