Abre o prazo de preinscrición para as actividades dos centros cívicos do primeiro semestre de 2025

ACoruñaXa
A oferta inclúe máis de 40 clubs e actividades para todas as idades, desde benestar ata cociña, memoria ou novas tecnoloxías
Imaxe do centro cívico da Silva na Coruña
11 Dec 2024

O Concello da Coruña abriu hoxe o prazo de preinscrición para a programación de actividades socioculturais nos centros cívicos durante o primeiro semestre de 2025. As persoas interesadas poderán realizar a preinscrición ata este xoves 12 de decembro, a través da páxina web municipal ou, no caso de non ter acceso a Internet, chamando ao número 881 150 637.

A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Nereida Canosa, destacou que estas actividades, nas que participan anualmente máis de 10.000 persoas, son esenciais para fomentar a socialización e combater a soidade non desexada.

A programación abrangue un amplo abano de opcións, con actividades destinadas a menores de 12 anos, maiores de 60 e grupos interxeracionais. Ofértanse sesións de benestar (como pilates, yoga ou tai-chi), artísticas (canto, pintura), artesanais (costura, bordado), culturais, de cociña e de novas tecnoloxías, así como actividades específicas para maiores e apoio escolar e inglés para os máis pequenos.

As listaxes provisionais publicaranse o 19 de decembro e as reclamacións poderán presentarse o día 20 a través do teléfono 010. Os sorteos para asignar as prazas levaranse a cabo o 23 de decembro. Finalmente, as listaxes definitivas estarán dispoñibles o 10 de xaneiro e as inscricións formalizaranse os días 15, 16 e 17.

As actividades, que comezarán o 30 de xaneiro, están abertas ás persoas empadroadas no municipio, que terán prioridade fronte a solicitantes doutros concellos.

⚙ Configurar cookies
0.1630539894104