Abre o prazo de inscrición para participar no XXXIV Triatlón Concello de Oleiros
Oleiros abre este luns as inscricións para o XXXIV Tríatlon do Concello de Oleiros. Todo osinteresados poden inscribirse na competición ata o luns 20 de maio. Para tramitar a solicitude, os deportistas poderán acceder a través da web municipal.
A organización reservará 5 prazas para triatletas das categorías Xuvenil, 5 Junior e 25 prazas para mulleres. Esta reserva manterase ata o mércores 8 de maio ás 14.00 horas.
O custo da inscrición para as persoas participantes é de 15 euros. As persoas non federadas deberán tramitar ademais a licenza temporal dun día a través da web da Federación Galega de Tríatlon. Deberán introducir os datos persoais que figuran no formulario e xuntar o documento de protección de datos cuberto e asinado (poderán descargar na seguinte ligazón) e a copia do DNI en vigor. O abono da licenza de 1 día (20 euros adultos/ 6 euros menores de 16 anos/5 euros deportistas con licenza galega de ciclismo) farase con tarxeta bancaria a través de TPV.
A carreira está programada para o vindeiro sábado día 25 de maio, ás 16.00 horas, e como nos anos anteriores terá lugar na localidade de Mera. A saída será no parque A Lagoa de Mera, situado detrás da praia de Mera.
Nesta proba poden participar todos os deportistas federados na Federación Galega de Tríatlon e aquelas persoas que fagan licenza dun día. Para todas as categorías a distancia será de 750 m de natación, 21 km de bicicleta e 5,5 km de carreira a pé.