Abre na Coruña a exposición 'Simultánea' de Afundación

ACoruñaXa
Son un total de 78 obras enmarcadas desde o século XIX ata a actualidade, con linguaxes e soportes moi diversos
exposicion-simultanea
12 Out 2024

Un total de 78 obras de arte realizadas nos últimos 200 anos por importantes nomes da creación en Galicia, e que teñen como temática o retrato, é a proposta elixida no marco do macroproxecto expositivo de Afundación para quen a visiten na Coruña.

Simultánea, dunha envergadura inédita, nace para celebrar o décimo aniversario de Afundación, a Obra Social de Abanca, e mostra 350 obras da Colección de Arte Afundación a través de sete lecturas simultáneas nas sete sedes da entidade. As sete exposicións abriron as súas portas ao público de forma conxunta este 9 de outubro, e poderán verse ata o 25 de xaneiro de 2025 na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo.

Cada unha das exposicións propón unha mirada diferente á Colección de Arte Afundación, ofrecendo ao público unha maneira atractiva e suxestiva de aproximarse á creación artística de Galicia desde o século XIX ata a actualidade. Na Coruña, na Sede de Afundación na rúa Cantón Grande, o público poderá achegarse á utilización do transcendental xénero do retrato. O título da proposta de «Simultánea» para A Coruña é Modo retrato. Tal e como se describe no catálogo do proxecto, «esta exposición permítenos participar das preocupacións, temas e características sociais desde o século XIX, mergullarnos en territorios privados e profundar na dimensión psicolóxica, simbólica e emocional do retrato».

O retrato como campo de experimentación

A riqueza de enfoques sobre o retrato que poderá verse na Sede de Afundación na Coruña conta tamén co seu paralelismo formal, con obras que van desde o clasicismo romántico ou o realismo ata o expresionismo ou a arte conceptual, conformando un grande exemplo da creación contemporánea galega. Modo retrato permítenos achegarnos á utilización do transcendental xénero do retrato como vehículo para profundar na análise de identidades, vulnerabilidades ou complexidades da alma humana, ademais de ser un fantástico campo de experimentación para as diferentes linguaxes que caracterizan a arte contemporánea.

En 1863, Dionisio Ferros pintou Retrato de señora. 147 anos despois, en 2010, o escultor Ramón Conde realiza a escultura El disimulo. Trátase da obra máis antiga, e a máis recente, das expostas en Modo retrato.

Na Coruña poden verse creacións de 59 artistas, entre os seus nomes os de Colmeiro, Maruja Mallo, Laxeiro, Xaime Quessada, Victoria Diehl, María Corredoira, Leiro, José María Labra, Jano Muñoz, Tono Galán, Soledad Penalta, María Antonia Dans ou Luis López, Gabú.

A mostra está organizada en 7 bloques: o primeiro, denominado «O retrato intimista» expón obras que se caracterizan pola naturalidade, a intimidade co retratado e as emocións verdadeiras que emanan das obras; O retrato espido aborda a representación do corpo natural, vulnerable e sen artificios; Crónica social recolle o momento do século XIX no que a burguesía comezou a facerse retratar para equipararse á nobreza. Tamén se aborda o Retrato familiar no que as familias de todo tipo e a infancia son os protagonistas, e o Retrato feminino no que unha muller poderosa e forte aparece na obra, como retratada e como artista. Na parte denominada Retrato documental, o público poderá ver obras que foron feitas coa intención de describir unha realidade máis que coa de representar a un individuo. O retrato emocional aborda a representación subxectiva e emotiva da condición humana, que permitiu a creación de retratos abstractos e simbólicos

Un proxecto inédito

Tal e como lembrou durante a presentación de Simultánea o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, a iniciativa coa que a Obra Social de Abanca celebra o seu décimo aniversario é «unha proposta dunha dimensión inédita e un dos proxectos expositivos máis ambiciosos de cantos se expuxeron nos últimos anos. Deseñouse para celebrar con toda Galicia a riqueza dun patrimonio que lle pertence, a Colección de Arte Afundación, e que na Obra Social de Abanca tutelamos e divulgamos desde a profesionalidade e a ética que require a xestión dun Ben de Interese Cultural (BIC)».

Un equipo multidisciplinar, cunha importante presenza de profesionais de Afundación, traballou na construción destas sete miradas e na coordinación das máis de vinte empresas do sector cultural que participaron nos labores de conservación, deseño ou transporte, o que supuxo todo un desafío organizativo ao longo dos últimos dous anos.

O equipo de Afundación deseñou para esta ocasión un catálogo de actividades para escolares enfocadas ás diferentes idades, nas que a arte, a historia, a programación e a robótica, así como a creatividade e a sostibilidade son algúns dos ingredientes principais. Máis de 7000 estudantes xa reservaron a súa praza para visitar este proxecto expositivo.

Simultánea é parte do programa Cultura por Alimentos, que Afundación desenvolve en colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). O acceso é libre, pero o público pode levar produtos non perecedoiros e depositalos nos contedores habilitados para tal fin nos accesos á exposición.

A mostra pode visitarse de luns a venres de 17.00 a 21.00 h, sábados e festivos de 12.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h, e domingos de 11.00 a 14.00 h.

0.18983292579651