Abre a reserva para as novas sesións de ‘Aventura coas focas’ no Aquarium Finisterrae
O Aquarium Finisterrae abre a reserva para as sesións do taller ‘Aventura coas focas’, unha proposta de fin de semana que combina divulgación científica e interacción cos mamíferos mariños. A partir do xoves 9 de xaneiro ás 9:00 horas, poderá reservarse praza para participar neste exitoso programa.
O taller permite aos asistentes preparar os alimentos das focas e acceder ás plataformas exteriores onde se realiza a súa alimentación e revisión. Está dirixido a persoas maiores de 7 anos, que deberán presentar un documento acreditativo. Os menores deben estar acompañados por un adulto, responsable dun máximo de dous nenos.
A actividade, que non ten custo adicional á entrada ao recinto, dispón de 12 prazas por sesión e ofrecerá 22 sesións durante o primeiro trimestre do ano, sumando un total de 264 prazas. A reserva de entradas debe facerse a través da web oficial.
Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, destacou a calidade desta iniciativa: “O Goberno de Inés Rey quere manter a excelencia das actividades nos Museos Científicos, e este taller é un exemplo claro, esgotándose sesión tras sesión”.